Do luns 11 ao venres 22 de marzo terá lugar a terceira edición do Desafío galego, unha iniciativa promovida polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Concepción Arenal de Ferrol. Nesta edición inscribíronse 234 alumnos e alumnas de bacharelato. Durante estes dez días o estudantado comprométese ao uso da lingua galega entre as persoas participantes e a galeguizar as redes sociais. Ademais son propostos uns obxectivos concretos para estenderen o idioma propio de Galicia a todos os ámbitos (escolar, familiar, virtual…).
Para esta edición contarase como madriña a poeta e instagrammer Nuria Vilán Prado, máis coñecida como ‘Nuria Vil‘. Defínese como “resitadora” e busca hibridar a palabra con formas de arte experimental e performática cun discurso fortemente marcado pola vindicación social. A súa intervención terá lugar o mércores 13 de marzo, de 10.30h a 12.10h, no salón de actos do IES Concepción Arenal.
O Desafío galego concluirá o venres 22 de marzo cunha excursión a Ourense, onde o profesor e investigador Manuel Rey Romeu presentará o libro “Otero Pedrayo no IES Concepción Arenal”. Neste texto recóllese o manuscrito inédito de Ramón Otero Pedrayo atopado no arquivo do centro, onde o membro da Xeración Nós recrea a súa experiencia como alumno e a motivadora influencia de certos profesores do instituto histórico de Ourense que actualmente leva o seu nome.