Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

“Decateime de que a presenza do galego aqui non era tan boa como pensaba”: a ollada dun docente valenciano sobre a nosa lingua

Chegado dende a Vila Joiosa, no sur do País Valencià, Jaume Silvestre presenta unha traxectoria marcada pola docencia e polo contacto constante coas linguas. Formado en filoloxía inglesa e catalá na Universidade de Alacant, marchou a Inglaterra para exercer como lector de catalán antes de instalarse en Catalunya, onde traballou durante anos como profesor desta lingua. Hai apenas tres meses que se trasladou a Pontevedra, dende onde se despraza a diario para dar clase de lingua castelá nun instituto de Redondela.

A súa relación co galego, porén, non naceu en Galicia. En Inglaterra coñeceu unha profesora ourensá que hoxe é a súa parella, e con ela estableceu un intercambio lingüístico: el ensinoulle catalán e ela fíxolle de guía na descuberta do galego. A partir dese acompañamento inicial, comezou unha aprendizaxe autónoma que incluíu libros, cinema e música. “A literatura, o cine e a música foron fundamentais para achegarme á lingua viva”, conta. A obra que lembra con máis afecto é Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, o primeiro libro que leu en galego. O seu interese pola creación literaria —el mesmo é escritor— reforzou a motivación por mergullarse de cheo na lingua.

O seu desembarco en Pontevedra trouxo tamén unha toma de contacto coa realidade sociolingüística galega. Jaume recoñece que chegaba coa idea de que o galego tería máis presenza ca en Ourense, polo coñecemento previo que tiña da cidade da súa parella. Porén, as primeiras semanas mudaron esa percepción: chamou a súa atención que o castelán fose a lingua hexemónica na rúa e nas relacións cotiás, mesmo nunha cidade onde esperaba maior vitalidade lingüística. A sorpresa inicial derivou nunha reflexión máis ampla que o levou a establecer paralelismos entre Galicia e o País Valencià. Na súa vila, di, é perfectamente posible vivir case integramente en valenciano, algo que tamén observa nas aldeas e vilas pequenas de Galicia. Pola contra, nas cidades —sexan Vigo, A Coruña, Valencia ou Alacant— a presenza da lingua propia vese reducida polas dinámicas sociolingüísticas urbanas.

O ámbito educativo confirmoulle outra realidade preocupante: o galego é moi minoritario entre adolescentes. No seu instituto, asegura, o profesorado usa a lingua con relativa normalidade, pero a lingua de relación do alumnado é practicamente sempre o castelán. Un dato que, ao seu xuízo, debería activar a reflexión social, porque anticipa consecuencias futuras para a transmisión da lingua. Tamén no ámbito escolar detecta marxe de mellora: considera que o galego necesita máis pulo a nivel institucional e educativo para poder consolidarse despois na vida social e nos medios de comunicación.

Como profesor, é consciente de que o galego é un requisito para traballar na función pública. Lembra que iso ás veces sorprende a parte da sociedade: se unha persoa vén doutra comunidade, explica, necesita certificación en galego, e esa acreditación obriga tamén a empregar a lingua con normalidade no día a día profesional. Esa necesidade viviuna el mesmo, tanto no estudo como na práctica docente.

No plano persoal, a súa identidade tamén esperta curiosidade: o nome Jaume, pouco habitual en Galicia, convértese nunha “tarxeta de presentación”. A reacción ante o seu uso do galego varía: hai quen o asume con naturalidade como parte da súa integración e quen expresa certa estrañeza ao velo falar con fluidez unha lingua que non é da súa orixe. “Atopo as dúas cousas”, resume.

A música, como no caso da literatura, tivo para el un papel esencial. Destaca a vitalidade da escena galega e os paralelismos coa música valenciana, tanto na creatividade como no carácter reivindicativo de moitas propostas. Para Jaume, empregar a lingua propia tamén é unha forma de situarse no mundo e conectar cunha tradición cultural que vai máis aló das palabras.

Cando pensa no que lle diría a alguén que chega a Galicia sen coñecer o idioma, a súa resposta é clara: aprender galego é unha porta de entrada a unha cultura rica, a unha maneira de ver o mundo e a unha comunidade que valora ese esforzo. E engade unha reflexión que dirixe tanto aos recén chegados como aos galegos de sempre: o galego é unha lingua útil, accesible e dispoñible para calquera que queira facela súa.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.