Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Critican as axudas á tradución en galego de textos literarios

A Asociación Galega de Editoras (AEG)critica un ano máis as axudas á tradución de obras literarias da Xunta de Galicia, cuxa convocatoria vén de presentarse. A Orde de axudas públicas á tradución de 2022 presenta unhas serie de defectos, como compartiu o responsable da editorial Hugin e Munin, Alejandro Tobar.

Priorizar a orde de chegada da solicitude é unha das solucións que propuxo a Xunta para solucionar os defectos de anos anteriores, pero que demostra que a convocatoria non valora a realización do traballo, como indica Tobar. Porén, o que máis critica é a desaparición dun criterio que relacionaba a contía da subvención e a extensión da obra: “Se concorren dúas obras, unha de 40 páxinas e outra de 800 e ambas teñen a mesma puntuación, recibirán a mesma axuda, o que desvirtúa completamente o sentido destas axudas”, explica.

Tobar lamenta a falta de profesionalidade nestas axudas: “hai uns dez anos que as axudas son outorgadas dende criterios moi pouco comprensibles dende un punto de vista profesional”. Un exemplo foi o ocorrido o pasado ano, cando a Editorial Tegra, cuxa propietaria estaba condenada por estafa, foi a segunda empresa máis beneficiada. Dita editorial fora constituída pouco antes da convocatoria, e só posuía 20 títulos, dos cales só un estaba en galego. Ante isto, os profesionais do sector critican que non se valore a traxectoria das empresas.

Pola súa banda, dende a Asociación Galega de Editores, demandan máis diálogo por parte da Administración, para axudar a resolver problemas que se repiten anualmente. “Nós somos quen coñecemos as dinámicas de traballo das editoriais e o noso único desexo é ser útiles ao sector e á sociedade en xeral”, explica o presidente de AGE, Henrique Alvarellos, quen tamén pide que na comisión que determina a concesión das axudas haxa representación da Asociación.

Ademais, lembran a importancia de separar as axudas para a tradución doutras linguas ao galego e do galego a outras linguas, para garantir igualdade na difusión das obras. Tal como se presenta a convocatoria, as obras de autores galegos reciben unha maior puntuación para a súa tradución, o que implica que se vexan favorecidos os autores nados en Galicia que escriben en castelán. Máis información en Nós Diario.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.