Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Conta atrás para que en Eurovisión haxa un grupo que cante en galego

Tanxugueiras participa esta semana no Benidorm Fest, onde se escollerá a proposta candidata para asistir a Eurovisión 2022. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentarán este mércores, 26 de xaneiro, na primeira das dúas semifinais do certame (22.40 horas no Palau L’illa de Benidorm), o seu directo de Terra, o último sinxelo do grupo, que acumula máis de 4 millóns de visualizacións e escoitas nas principais plataformas dixitais.

O directo presentarase cunha posta en escena liderada polo trío de pandeireteiras, no que estarán acompañadas por un grupo de artistas, fundamentalmente de Galicia, baixo a dirección da escenógrafa Laura Iturralde (Osmose, con Mercedes Peón, e premiada pola iluminación de Fariña, Resaca, Bailar Agora) e a coordinación xeral de PlayPlan Cultural, quen tamén asume a dirección de produción. “O espectáculo conxuga o tradicional co contemporáneo en todos os seus elementos, especialmente apoiada polo vídeo e vestiario”, sinala Iturralde, quen define a proposta como “sinxela, elegante e emotiva”.

No Palau L’Illa, a profesora de danza Silvia Iria Miramontes coordinará os movementos de Tanxugueiras e o coreógrafo e bailarín Fran Sieira é o responsable de deseñar o baile do equipo que estará sobre o escenario. O espectáculo completarao o músico e produtor Iago Pico (responsable de Pouland Studios e co-autor, con Tanxugueiras, de Terra) ao fronte da percusión electrónica. O vestiario é obra do deseñador ourensán Jorge de Álvarez (finalista nos Premios Nacionais á Moda no 2021), mentres que a maquillaxe será unha proposta de Miguel Bling (director ‘You Glow Salon’ y equipo habitual en los programas ‘Gen Playz’ y ‘Dulces y Saladas’). Por último, o espectáculo completarase con audiovisuais da artista visual e creativa galega Marta Verde (profesora no Berklee Collage of Music de Valencia)

A meirande parte do equipo atópase xa desde onte en Benidorm para facer as primeiras probas de vestiario, maquillaxe e posición. Na tarde de hoxe celebrarase un ensaio xeral, no que participarán Sabela Maneiro e Aida Tarrío, quen chega nesta xornada á localidade alicantina. Nas próximas horas sumarase tamén Olaia Maneiro. As cantareiras queren agradecer ao público o seu apoio, especialmente nas últimas xornadas. “Estamos moi agradecidas por todo o cariño das e dos eurofans e do público. Acompáñanos un equipo fantástico e esperamos devolverlle á xente co noso directo toda a enerxía que nos está transmitindo”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.