Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Coñece novas experiencias para saber cal é o presente e o futuro para a nosa lingua

Esta primeira semana de febreiro estivo marcada pola presentación de dous proxectos que promoven o uso do galego na rede. Ambos utilizan o vídeo para divulgar diferentes elementos da lingua galega. O primeiro, as “Brincadeiras da lingua”, unha serie de vídeos difundidos polo Portal da Lingua Galega sobre os ditos e os recitados infantís tradicionais. E o segundo, a publicación dos vídeos da sétima edición do proxecto LGx15 desenvolto pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CNTL).

OS DITOS TRADICIONAIS DE “BRINCADEIRAS DA LINGUA”

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, xunto con María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro, presentou a segunda edición de “Brincadeiras da lingua”. Nos 15 capítulos novos, que se suman aos 10 anteriores, amósanse ditos -todos recollidos na páxina orellapendella.gal– relacionados cos animais, co tempo cronolóxico, co tempo meteorolóxico, con accións cotiás, ditos acumulativos, ditos de burlas, máis ditos relacionados con xogos, ditos diversos etc.

Os capítulos iranse publicando cada xoves no Portal da Lingua Galega e tamén nas redes sociais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, como o seu canle de Youtube. Ademais, Migallas Teatro tamén elaborou un espéctaculo de narración oral e cancións baixo o mesmo nome “Brincadeiras da lingua“.

LGx15, O FUTURO DA LINGUA

Pola súa banda, o CNTL remata de publicar todas as intervencións da última edición do seu proxecto LGx15 tamén na súa canle de Youtube. As intervencións, que se unían baixo o nome de Ideas para o futuro da lingua, tiveron lugar o pasado 16 de outubro de 2021 na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, en Santiago de Compostela. O evento estivera conducido por Carlos Meixide. Cos seis vídeos deste ano, a CTNL compila 51 intervencións con experiencias, propostas e ideas para o futuro da lingua. Todas elas poden verse na web do LGx15 e en YouTube.

Estas seis novas intervencións de entre 12 e 16 minutos compilan ideas, experiencias e recomendacións que poden mellorar o futuro da lingua en sectores como Internet, o audiovisual e a educación. As participantes desta tirada foron a actriz María Vázquez, o especialista en márketing Xosé Luis Reza, a xornalista italiana Alice Piccardi, o impulsor de Twitch en galego Agos Reigosa, a docente e investigadora Ana Moreiras e o músico Paco Cerdeiras Pakolas

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.