O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo puxo en marcha unha nova edición do obradoiro de acollemento lingüístico, unha iniciativa dirixida a persoas que chegan a Galicia e desexan familiarizarse coa súa lingua e cultura.
O curso terá lugar nas Escolas do Xardín Agra de Caldas a partir do 4 de febreiro e contará cun manual de apoio para o alumnado. Para que a formación se leve a cabo, será preciso acadar un mínimo de 20 participantes, mentres que o límite de prazas está fixado en 25 persoas.
As inscricións realizaranse por orde de chegada, e para anotarse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo snl@carballo.gal, indicando nome, apelidos e un número de contacto.
Este obradoiro forma parte das accións do Concello de Carballo para promover o uso do galego e facilitar a integración das persoas recén chegadas, ofrecéndolles recursos básicos para a comunicación e o coñecemento do contexto cultural galego.