Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Campamentos para galegofalantes do Bierzo

A Xunta de Galicia promove a lingua galega en Castela e León mediante unha nova edición das estancias no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa, que reunirá esta semana a 70 estudantes que cursan galego como parte do convenio vixente desde 2006 entre as comunidades.

Tal e como trasladou o Goberno autonómico nunha nota de prensa, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou este xoves ao alumnado de primaria dos centros do Bierzo que participará nas devanditas estancias, organizadas no marco do Programa de promoción do galego. Esta proposta extraescolar, complementaria ás horas lectivas, fomenta a convivencia durante dous días, nos que os participantes farán uso dun tempo de lecer, formación e dinamización cultural coa lingua galega como “vehículo de expresión, aprendizaxe e relación”.

A programación da estadía inclúe actividades deportivas como kaiak, tiro con arco ou paddle surf, así como dinámicas de grupo, xogos tradicionais, visitas culturais e unha velada específica ao redor da lingua galega. Nesta liña, o titular de Cultura valorou esta iniciativa que permite mesturar o compromiso lingüístico coa aposta por unha mocidade activa, conectada e con “sentimento de pertenza”. Ademais, subliñou que a través desta experiencia vese “como o galego crece e expándese máis aló das súas fronteiras”.

López Campos afirmou que estes alumnos viven en galego unha experiencia “totalmente inmersiva” da mesma maneira que os neohablantes chegados doutros territorios a Galicia. Así mesmo, lembrou que unha das liñas estratéxicas da Xunta é a proxección exterior da lingua noutras zonas nas que se fala ou existe un alto grao de comprensión, como é o caso das áreas limítrofes coa Comunidade ou en Europa e América.

Deixe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.