O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, volve ser un dos escenarios do ciclo de teatro en lingua portuguesa Quintas do Camões, promovido polo Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. Un ano máis, a unidade teatral da Xunta de Galicia colabora con esta iniciativa co obxectivo de poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, así como de estreitar lazos entre o teatro e a cultura de ambos os países.
A capital santiaguesa, na mesma xornada ás 20:00 horas, recibe a compañía lusa Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana con “Salgueiro Maia: cartografía de um monólogo, espectáculo escrito e interpretado por Ricardo Simões a partir da obra Capitão de abril: memórias da guerra do ultramar e do 25 de abril”, de Salgueiro Maia.
Autobús gratuíto e estrea da Aula de Teatro da USC
Para esta actividade, o centro Camões ofrece un servizo de autobús gratuíto dende Vigo ata Santiago de Compostela, con regreso incluído e paradas en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
O Salón Teatro santiagués será tamén, nesta semana, o escenario da estrea de Agamenón, volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo, a nova montaxe da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, que se representa na sede do Centro Dramático Galego o xoves 12 de decembro, ás 21:00 horas.