Autoestima, candorca, comadre, ecocidio, inflación e resiliencia son as voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2022. A fase de recolla de suxestións da iniciativa promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié concluíu coa escolla destes seis vocábulos, que dun xeito ou doutro conectan con temas de actualidade e preocupación social dos últimos doce meses. Dende este martes, 13 de decembro, e ata as 23:59 horas do vindeiro 25 de decembro o público poderá votar pola súa opción favorita a través do Portal das Palabras, o proxecto que impulsan as dúas institucións para a difusión do léxico galego.
Entre outros temas de interese público, neste 2022 a pegada psicolóxica da pandemia propiciou que medrase a conversa política e social sobre a necesidade de prestarlle á saúde mental a atención que merece. E arredor dela os medios de comunicación pasaron a falar decotío de conceptos como o da autoestima, a calidade da persoa que se valora a si mesma positivamente e que, consecuentemente, lle xera confianza no que di ou fai.
A resiliencia, a “capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa”, é outra voz que pode asociarse á crecente consciencia sobre a importancia do coidado da saúde mental. Foi xa finalista en 2021. A preocupación polo futuro ambiental do planeta é outra realidade que se manifestou nunha morea de suxestións: dende o sintagma emerxencia climática ao neoloxismo ecocidio.
A perspectiva de xénero tamén repite presenza nesta final. En 2017 chegou a esta fase violencia de xénero, en 2018 fixérono feminismo e sororidade e en 2019 feminicidio. Nesta ocasión sobresaíu entre as propostas con ollada feminista comadre. O escenario económico mundial e o seu impacto dende as economías domésticas ás grandes empresas deixa marca nesta final a través do vocábulo inflación. E, unha serie de acontecementos ben distintos, os cada vez máis frecuentes avistamentos de cetáceos a moi pouca distancia da beiramar, e mais os inesperados encontros dalgúns deles con embarcacións de recreo, parecen explicar outra proposta curiosa dos seguidores do Portal das Palabras: candorca.
“Sentidiño” e “Tanxugueiras”
A Palabra do Ano elixida polas persoas participantes na votación popular darase a coñecer nos últimos días do 2022 a través do Portal das Palabras. Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021) nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).