Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

aRi[t]mar abre as votacións para elixir a mellor poesía galega e portuguesa de 2025

O certame aRi[t]mar da música e a poesía galego-portuguesa puxo en marcha este martes unha nova edición das votacións populares para escoller as Mellores Poesías do Ano 2025 na Galiza e en Portugal, tras a preselección realizada polo xurado de vinte composicións, dez por cada territorio.

Desde as 11.00 horas deste martes e ata o vindeiro 31 de maio, o público poderá participar a través da web oficial aritmar.gal na elección das obras gañadoras, ademais de acceder á lectura de todas as pezas finalistas. O proceso busca implicar directamente á cidadanía na visibilización da poesía contemporánea galega e portuguesa.

No apartado galego, as obras seleccionadas pertencen a Ana Romaní, Andrea F. Maneiro, Andrea Nunes Brións, Elisabeth Oliveira, Gonzalo Hermo, Lorena Souto, Lupe Gómez, Pilar Pallarés, Xavier Seoane e Yolanda Castaño. Entre os títulos candidatos figuran propostas como Recoñezo entre a maleza, A incomunicación, Un mar que soña ou Todo lles é arrendado.

Pola parte portuguesa, o público poderá votar creacións de Alexandra Soares Rodrigues, Ana Gago, Daniel Jonas, Ezra Pereira, Isabel Cristina Pires, Jorge Cravo, Luís Filipe Castro Mendes, Mar Franzão, Pedro Pereira Lopes e Yvette K. Centeno, nunha listaxe que inclúe poemas como TROCAR DE ÁGUA, O ASTEROIDE ou CARTA AOS MEUS FILHOS SOBRE A PALESTINA NO NATAL DE 2023.

aRi[t]mar naceu como unha iniciativa didáctica e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, dependente da Xunta de Galicia, coa finalidade de promover a creación musical e poética actual en galego e portugués. O proxecto procura tamén fortalecer os vínculos culturais e lingüísticos entre Galicia e Portugal, en consonancia cos obxectivos da Lei Valentín Paz-Andrade, orientada ao impulso do portugués e á conexión coa lusofonía.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.