O proxecto ‘Aquí tamén se fala’, nado no IES Rafael Dieste da Coruña, está a converterse nun referente en normalización lingüística en galego a nivel de toda Galicia. O que comezou como unha sinxela campaña de cartaces nos comercios do barrio evoluíu nun movemento social e cultural que se estende a máis de 200 centros de ensino en Galicia, ademais de chegar a clubs deportivos e espazos culturais.
Segundo explica o profesor Arcadio González, “a potencia creativa e a ilusión do alumnado foron o motor que levou a iniciativa máis alá dos muros do instituto”. O obxectivo inicial era colocar cartaces en locais comerciais coa mensaxe ‘Aquí tamén se fala galego’. O éxito foi inesperado: “A previsión era de 300 cartaces e o alumnado acabou colocando máis de 500”, relata.
O proxecto non se limitou aos cartaces. Pronto, a campaña abriuse ao mundo da música e da produción audiovisual, ofrecendo ao alumnado obradoiros con profesionais como Tomás Ageitos, Alberto Castaño e Grande Amore. A culminación deste traballo foi a organización dun festival monolingüe en galego, onde participaron artistas relevantes da escena galega, consolidando o evento como un espazo de prestixio para o galego.
Pola súa banda, o profesor Alberto Pombo subliña a importancia de crear “espazos de prestixio onde a lingua galega teña presenza e relevancia, tanto na cultura como no deporte”. A campaña logrou implicar a referentes culturais como Viggo Mortensen, Tanxugueiras e Nacho Vegas, que apoiaron a iniciativa.
Un impacto real na lingua cotiá do alumnado
A profesora Mónica Reigía destaca que a iniciativa conseguiu que moitos estudantes pasasen a utilizar o galego non só no instituto, senón tamén nas súas casas e na vida cotiá: “Temos exemplos de alumnos e alumnas que decidiron falar galego a partir desta campaña, incluso revertendo o uso do castelán nas súas familias”. Unha alumna chegou a dicirlle á súa profesora: “Non vou falar castelán nunca máis”, tras participar no festival organizado polo proxecto.
Ademais, o proxecto tamén traballa na realización dunha curtametraxe na que o alumnado asume todas as funcións, desde a maquillaxe ata a produción audiovisual. Esta nova liña de traballo busca continuar coa formación práctica e coa difusión da lingua galega a través das redes sociais.
Unha aposta polo futuro da lingua galega
A campaña #Aquítaménsefala non só conseguiu mobilizar ao alumnado e ao profesorado, senón que tamén está a ter un impacto directo nas comunidades locais. Desde os comercios que exhiben orgullosos os cartaces en galego ata os clubes deportivos que apostan pola lingua nas súas actividades, o proxecto demostra que o galego ten cabida en todos os ámbitos da vida.
Os responsables da iniciativa destacan que, aínda que o seu traballo é un grao de area na defensa do galego, a transformación real require políticas lingüísticas activas e un compromiso colectivo: “As accións individuais son importantes, pero a transformación ten que ser colectiva”, afirma Arcadio González.
Pola súa banda, Pombo incide na necesidade de crear “colectivos transformadores con obxectivos claros”. O proxecto xa está a traballar en novas iniciativas e animan a toda a sociedade a seguir as súas actividades a través das redes sociais, onde anuncian que “se veñen cousiñas” que esperan seguir sorprendendo e ilusionando.