Antón Reixa defínese nunha palabra como un “artista” e o seu nome está vencellado á creación audiovisual galega como un dos principais expoñentes nas últimas décadas. Guionista, músico, poeta, director de televisión e de cine… Son moitas as súas facetas e síntese afortunado por “ser artista e desenvolver un traballo extenso e en diferentes áreas”.
O Galicia Confidencial tivo a oportunidade de compartir un café con Antón na Facultade de Ciencias de Comunicación onde impartiu ata tres seminarios ás novas xeracións de comunicadores. Que tal lle foi? “Leveime unha moi boa experiencia e o mellor foi a xente que acudiu porque estou seguro de que sairá unha camada de profesionais audiovisuais moitísimo máis preparados e mellores do que fomos nos”. Reixa xa tivo contacto cos máis novos cando foi mestre de secundaria de Lingua e Literatura galega e estes seminarios foron “volver a ese territorio durante 3 días”. O artista expresa que aprendeu moito e que nunca tivo ese “pensamento habitual das xeracións maduras de pensar que os tempos pasados foron mellores”.
“Creo que o marketing, a difusión, é moi importante en Europa e sobre todo nunha cinematografía nacente como a galega”, Reixa ten claro que a tendencia europea xa semilla máis á estadounidense e as producións cada vez destinan máis do seu orzamento á difusión. “Éncheme de orgullo que O Corno tivera unha campaña de carteleira exterior tan intensa, título en galego, feita en Galicia…”. Tamén tivo palabras de honra para ‘Salta’ de Olga Osorio na que botou en falta máis difusión: “A película é moi boa e afortunadamente, por iso mesmo, funcionou o boca a boca positivo”.
O artista pensa que esta promoción é positiva sempre e cando non “se pervirtan as mensaxes ou se deforme o contido da película”. Foi autor dun filme moi coñecido, ‘O lapis do carpinteiro’ que el mesmo dirixiu e na que tivo moitos problemas coa distribuidora Warner. “Querían vestir o filme como unha simple historia de amor nunha promoción que tiña como tabú a expresión Guerra civil”, conta Reixa que se sentiu lonxe da distribuidora e que notaba como querían fuxir de promocionar “o rescate da memoria histórica de Galicia que é o que representaba unha película baseada na novela orixinal de Manuel Rivas”. Isto é un exemplo de promoción mal orientada.