Este 21 de setembro arrincou en Santiago o terceiro encontro do festival de poesía Alguén que respira!. Esta cita forma parte das catro que se celebran ao longo do ano coincidindo sempre nos días 21 de solsticios e equinoccios.
O festival comeza con dúas accións poéticas de estéticas moi marcadas. O ruído do lume (A palabra en combustión de dez poetas galegas) é o título do recital que acollerá o Teatro Principal mañá martes a partir das 19,30 horas. Trátase dun acontecemento único que subirá ao escenario o fío interxeracional feminino máis prodixioso da literatura galega: Alba Cid, Andrea Nunes, Miriam Ferradáns, Yolanda Castaño, Elvira Ribeiro, Eva Veiga, Olga Novo, Chus Pato, Luz Pichel e Luz Fandiño.
As persoas interesadas en asistir a esta primeira xornada deberán retirar as entradas o propio día na Sala C da Praza de Cervantes (de 11,00 a 14,00 h ou a partir das 16,00 h), na páxina web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do propio Teatro Principal a partir das 18.30 h. As entradas serán gratuítas e non permiten reserva previa.
Para a segunda xornada, o mércores día 22, o festival recupera a sección Atravesei a cerca, que esta vez deixa atrás o edificio do teatro para esculcar outros recantos da cidade. O percorrido comezará no xardín do restaurante A Maceta ás 19:30 horas cos versos de Séchu Sende e continuará na terraza do centro sociocultural da Trisca co performer e activista aragonés Javier Peñafiel. A terceira entrega do festival rematará co recital da poeta navarra Castilo Suárez no museo de Berto Leis, da rúa Pablo Leis. As 25 prazas dispoñibles para asistir distribuiranse por orde de chegada ao xardín da Maceta.
Baixo a dirección do poeta monfortino Antón Lopo, este ano chega á súa cuarta edición, articulada de maneira excepcional ao longo do ano en catro citas que coinciden sempre cos solsticios e equinoccios. O pasado 21 de marzo, Día Mundial da Poesía e equinoccio de primavera, quedou inaugurada a primeira xornada, + ou – 21 (anos), cun manifesto de Manuel Rivas. A segunda celebrouse o 21 de xuño coincidindo co solsticio de verán. O festival do 2021 clausurarase o próximo 21 de decembro tras un ano de actividade.