Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

AGAL impulsa en Compostela unhas xornadas centradas no neofalantismo e a converxencia coa lusofonía

O sábado 31 de xaneiro tivo lugar en Santiago de Compostela a primeira edición das xornadas ‘(Re)unidas pola Língua’, unha iniciativa promovida pola AGAL coa finalidade de abrir un espazo de reflexión colectiva arredor do neofalantismo, a normalización lingüística e o papel da lusofonía no presente e no futuro do galego. A sesión matinal desenvolveuse na Casa do Taberneiro.

O acto de apertura comezou ás 10.00 horas coa participación de Jon Amil, presidente da AGAL; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, e Pilar Lueiro, concelleira do Concello de Santiago de Compostel. Estaba prevista tamén a asistencia da alcaldesa, Goretti Sanmartín, que finalmente non puido acudir por motivos de axenda. Nas súas intervencións, Amil subliñou a dobre finalidade da xornada, destacando que “a lusofonía sexa un elemento central do debate” e reivindicando que “a lingua non é de ningunha institución”, senón “de quen a fala”.

Pola súa banda, Valentín García avanzou que o novo Plano Xeral de Normalización Lingüística que prepara a Xunta contará cun apartado específico dedicado á lusofonía e salientou que a pertenza do galego a ese “tronco común” debe ser exercida de maneira continuada en múltiples ámbitos. Pilar Lueiro referiuse á situación do galego como “delicada, de emerxencia”, e apelou á responsabilidade colectiva, afirmando que “cada persoa que a fala e a escribe é parte da solución”.

Tras o acto inaugural, as persoas asistentes foron distribuídas en cinco mesas de traballo temáticas, polas que foron rotando ao longo da mañá. Cada mesa estivo coordinada por unha persoa con experiencia no ámbito correspondente: Ensino e futuro profesional, Cultura, comunicacións e redes, Economía e servizos, Dereitos lingüísticos e Converxencia lingüística na lusofonía. En cada espazo presentouse un caso hipotético de uso da lingua, a partir do cal se compartiron vivencias, propostas e posibles solucións.

A segunda parte da xornada celebrouse pola tarde, a partir das 16:30, no auditorio do Museo do Pobo Galego. Alí realizouse unha posta en común das conclusións das mesas, expostas polas persoas coordinadoras, que foron posteriormente analizadas desde unha perspectiva técnico-académica por un grupo de especialistas procedentes do ámbito universitario, xurídico e sociolingüístico.

Segundo avanzou a organización, todas as conclusións serán recompiladas nun dossier que se difundirá nos vindeiros meses. Este documento será trasladado a diferentes organismos oficiais e institucionais, presentado a grupos políticos e asociacións que traballan pola lingua, e publicado de maneira aberta para o conxunto da sociedade, co obxectivo de contribuír ao debate público sobre a situación e os usos do galego no marco da lusofonía.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.