Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Acoller a través do galego: así funciona o programa que une veciñanza e persoas migrantes en Santiago

O Concello de Santiago leva dúas décadas desenvolvendo políticas activas de acollemento lingüístico para facilitar a integración das persoas chegadas doutras comunidades e países. No XXVII Encontro para a Normalización Lingüística, celebrado este martes no Consello da Cultura Galega, Marta Besada Otero, do Departamento de Lingua Galega, explicou o funcionamento dos obradoiros de acollemento lingüístico e do proxecto Elos, dúas iniciativas complementarias que fan do galego unha ferramenta de encontro e cohesión social.

Os obradoiros, explicou Besada, “non son só cursos de lingua; son espazos de benvida, de creación de redes e de descubrimento da cidade”. Trátanse de talleres presenciais de 36 horas nos que as persoas participantes —provenientes de países como Arxentina, Venezuela, Brasil, Estados Unidos, Italia ou Xapón— se achegan ao galego por primeira vez e aprenden tamén sobre a cultura e a vida local.

Os obradoiros realízanse en dúas convocatorias anuais, de primavera e outono, con catro grupos de 25 prazas cada un, en horario de mañá e tarde, e con dous niveis: iniciación e continuación. O obxectivo principal é “acoller a través do galego, favorecer a cohesión social e poñer en valor a multiculturalidade”, indicou Marta Besada.

A docente salientou o papel clave do profesorado guía, quen “entende as circunstancias vitais de cada participante e acompaña o proceso de aprendizaxe e adaptación”, fomentando un clima de confianza e proximidade. A actividade inclúe saídas culturais —a museos, á praza de abastos ou ao parque de bombeiros— e mesmo o que eles chaman ‘cesta do trouxen’, unha xornada final de convivencia na que cada persoa achega un prato típico do seu país.

“Os obradoiros son un lugar onde se goza falando, lendo, escoitando música e coñecendo a cidade”, resumiu Besada. Dende 2020 máis de 500 persoas participaron nesta experiencia, aínda que moitas non chegan a completala por cambios laborais ou de residencia.

A lingua como porta de integración

Os cursos teñen tamén un valor administrativo, xa que o certificado de participación pode presentarse como proba de arraigamento nos trámites de residencia. Non se require documentación legal para inscribirse, o que facilita o acceso a persoas en situación administrativa irregular.

A técnica municipal lembrou que programas similares existen noutros concellos como Ames, Carballo, Vigo, Rianxo ou Ribeira, e reivindicou a súa utilidade fronte ao sistema Celga, pensado máis para a acreditación que para o acollemento. “O formato de teleformación non favorece a cohesión nin o contacto social”, sinalou, defendendo o modelo presencial e de proximidade como o máis axeitado para a integración.

Elos: parellas lingüísticas para continuar aprendendo

Do éxito dos obradoiros naceu en 2021 o proxecto Elos, un programa de parellas lingüísticas no que unha persoa galegofalante se compromete a conversar en galego, cando menos unha hora por semana, cunha persoa que está aprendendo.

“O alumnado dos obradoiros contábanos a dificultade de manter o galego fóra da aula, porque moitas veces, ao detectar acento, a xente muda inmediatamente ao castelán”, explicou Besada. Desa necesidade xurdiu a idea de crear un espazo informal de práctica.

O proceso de participación é sinxelo: quen quere aprender e quen quere compartir galego cobre un formulario en liña, dispoñible na web municipal. O equipo do Departamento de Lingua combina os perfís segundo intereses e dispoñibilidade, e organiza un primeiro encontro. As parellas reciben tamén un ‘decálogo para ser unha parella lingüística feliz’ e contan cun seguimento periódico por parte da coordinación do programa.

FORMULARIO PARA QUEN QUERE APRENDER GALEGO

FORMULARIO PARA QUEN QUEN XA FALA GALEGO E QUERE COLABORAR

Na actualidade, 176 persoas queren aprender galego e 144 ofrecen voluntariamente o seu tempo para conversas semanais. As parellas fórmanse e desfanse con naturalidade, moitas veces converténdose en amizades duradeiras. Ademais, organízanse actividades grupais e encontros culturais para reforzar a comunidade creada arredor do proxecto.

Unha rede de convivencia arredor da lingua

Elos foi recoñecido en 2023 cos Premios Mil Primaveras da CTNL, pola súa contribución á normalización e á integración social. “É un proxecto sinxelo pero eficaz, que ofrece oportunidades reais de contacto e intercambio cultural”, sinalou Besada.

O programa busca, ademais, implicar á veciñanza compostelá, canalizando o interese de moitas persoas por colaborar voluntariamente na difusión do galego. “Participar é unha forma motivadora e fácil de mellorar a competencia lingüística —engadiu—, pero tamén un acicate para reflexionar sobre o propio uso do idioma”.

O contacto entre persoas de diferentes orixes “permite coñecer outras culturas e miradas sobre Galicia, demostrando que o galego é unha lingua útil, viva e acolledora”.

Para o seu funcionamento, o proxecto conta coa colaboración do Departamento de Migracións, o Servizo de Atención ao Migrante, o Padrón municipal e as universidades, especialmente a comunidade Erasmus, que axudan a difundir a iniciativa.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.