Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

A Xunta e Igaciencia premian a innovación científica en galego entre os mozos

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este luns no acto de entrega da terceira edición do certame ‘Novos Poliedros’, convocado con motivo do Mes da Ciencia en galego pola Institución Galega da Ciencia (Igaciencia) coa colaboración da Xunta para promover entre os mozos a innovación científica en galego.

O representante da Consellería galega, que estivo acompañado no Pazo de San Roque por Manuel Díaz, responsable de Igaciencia, destacou o papel de iniciativas como esta “para mostrarlle aos mozos dunha forma lúdica, que non é incompatible en absoluto co rigor e a calidade, o papel que o galego, com calquera outra lingua, pode ter no ámbito científico”.

CENTROS PREMIADOS

Na edición de 2023, resultaron gañadores sete institutos procedentes do catro provincias galegas: o IES Monelos, o IES Menéndez Pidal-Zalaeta e o IES Rafael Puga Ramón, da Coruña; o IES As Lagoas, de Ourense; o IES Santiago Basanta Silva, de Lugo; e o IES de Meaño e o IES de Barral, de Pontevedra.

Os gañadores, que expuxeron no acto os seus traballos, recibiron un premio de 100 euros por centro e un lote de libros e un diploma. Ademais, nesta edición concedéronse dous accésit ao IES Gregorio Fernández, de Lugo; e ao IES Nº1 de Ribeira, na Coruña.

O concurso, que homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da simetría científica, busca incentivar entre os mozos o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, á vez que promove o uso do galego entre os mozos.

A partir dunha lista de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen a man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas. Os vídeos cos proxectos gañadores poden consultarse na páxina web de Igaciencia.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.