O Diario Oficial de Galicia publica este luns a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos de fomento do uso do galego nos centros educativos que imparten ensinanzas de niveles non universitarios. A iniciativa está promovida pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Segundo recolle a convocatoria, o obxectivo principal é reforzar a dimensión comunicativa do galego, facilitándolle ao alumnado unha oferta educativa que contribúa a percibir a utilidade da lingua e a capacitalo para un uso correcto e eficaz nos distintos ámbitos da vida escolar. Para iso, proponse a posta en marcha dun programa de actividades de fomento do idioma en cada centro, integrado no seu proxecto lingüístico e aberto á participación da totalidade da comunidade educativa.
As bases da convocatoria inciden de maneira especial nas liñas de actuación que permitan incrementar o uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias, entendidas como espazos clave para normalizar o idioma fóra da aula. As iniciativas deberán ser promovidas polos equipos de dinamización da lingua galega ou polo profesorado responsable do proxecto lingüístico de cada centro.
O prazo para presentar as propostas será dun mes a partir de mañá, segundo establece o texto publicado no DOG. Unha vez recibidas, as iniciativas serán avaliadas por unha comisión provincial de cualificación e por unha comisión central no seo da Secretaría Xeral da Lingua, que se encargará de homoxeneizar os criterios de valoración e formular a resolución definitiva das axudas.
Entre os criterios de avaliación que se terán en conta figuran o grao de implicación activa da comunidade educativa —incluíndo familias, titores, profesorado, alumnado e persoal de administración—, o nivel de utilización das novas tecnoloxías, como a creación de páxinas web, blogs ou materiais audiovisuais, así como o grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro. Tamén se valorará a relación con outros espazos educativos no deseño e desenvolvemento da planificación lingüística.