A Real Academia Galega (RAG) conmemora os 120 anos da súa inauguración cunha nova sección na súa páxina web que propón percorrer a historia da institución a través de máis de medio milleiro de imaxes, entre fotografías, documentos, publicacións periódicas e libros conservados nos seus fondos. O espazo estréase nas vésperas do aniversario da sesión inaugural da Academia, celebrada na Coruña o 30 de setembro de 1906.
O percorrido desenvolverase de maneira cronolóxica mediante distintas entregas que se publicarán semanalmente ata finais de ano. A primeira, baixo o título ‘Fundación. Herdo e compromiso do Rexurdimento’, céntrase nos antecedentes e nos primeiros anos da institución, mentres que os seguintes capítulos avanzarán por etapas como a influencia das Irmandades da Fala, a Guerra Civil e o franquismo ou os cambios experimentados desde os anos sesenta.
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, define a Academia como “a institución civil de ámbito galego máis antiga das creadas por iniciativa cidadá” e sitúa a súa orixe como un dos resultados do Rexurdimento. Desde a súa creación, explica, asumiu como principais cometidos o estudo da historia e da cultura de Galicia e, especialmente, a defensa e o fomento da lingua galega.
“A RAG proponse manter o seu servizo á sociedade galega e dar resposta aos novos retos formulados á nosa lingua e á nosa cultura”, sinala Monteagudo sobre o papel actual dunha institución que, entre outras funcións, ten encomendada a fixación da norma do galego.
Da emigración a América á fundación da Academia
A inauguración oficial de 1906 estivo precedida pola constitución formal da institución o 4 de setembro de 1905 na Casa do Consulado da Coruña. Entre os materiais dixitalizados que agora poden consultarse figura precisamente a acta daquela reunión, na que aparecen os nomes dos 40 académicos de número fundadores. Entre eles estaban o historiador e xornalista Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG, e Eduardo Pondal, autor da letra do Himno Galego.
A reconstrución daqueles primeiros anos presta tamén atención ao papel desempeñado pola emigración galega en América. Dúas das figuras fundamentais foron Xosé Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez, impulsores en Cuba da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega. A nova sección lembra igualmente outras entidades protectoras xurdidas entre as colectividades emigrantes.
Entre as fotografías recuperadas aparecen imaxes da última visita de Curros Enríquez a Galicia, en 1904, así como do seu enterro na Coruña catro anos despois. Tras a repatriación do seu corpo desde A Habana, arredor de 40.000 persoas acompañaron en marzo de 1908 o cortexo fúnebre ata o cemiterio de Santo Amaro.
Outro dos bloques permite achegarse directamente á xornada do 30 de setembro de 1906, cando o salón de festas da Unión Recreativa e Instrutiva de Artesáns da Coruña acolleu a sesión inaugural da RAG. O arquivo dixital reproduce o manuscrito do discurso pronunciado por Murguía e a crónica publicada por Valentina Lago Valladares, baixo o pseudónimo de Hipólita Muíño, na ‘Revista Gallega’.
A documentación dá conta tamén das relacións que a nova institución comezou a establecer fóra de Galicia. Entre os materiais figura un telegrama enviado polo filólogo sueco Göran Björkman, tradutor de Rosalía de Castro e doutras figuras das letras galegas, coa expresión “Vivat floreat natio galaico”, traducida como “Que viva e floreza a nación galega”.
Björkman foi un dos primeiros membros correspondentes estranxeiros dunha Academia que desde os seus comezos procurou establecer vínculos internacionais, especialmente con Portugal. A estes contactos dedicaráselles o apartado ‘Azos de fóra’, no que aparecen figuras como Carolina Michaëlis de Vasconcelos, Teófilo Braga, José Leite de Vasconcelos ou Eugénio de Castro.
As primeiras mulleres da RAG
O proxecto incorpora ademais en cada etapa un apartado específico sobre a presenza das mulleres na Academia. Na primeira entrega recupérase, entre outros, o perfil de Valentina Lago Valladares, unha das primeiras académicas correspondentes.
A participación feminina quedou durante décadas limitada precisamente a esta categoría, que non permitía votar no pleno. Aínda que Emilia Pardo Bazán fora designada presidenta de honra en 1905 polo seu papel na Sociedad del Folklore Gallego, as mulleres tardaron varias décadas en acceder á condición de académicas de número.
Ata o falecemento de Murguía, en 1923, 23 mulleres ingresaran como correspondentes, entre elas Fanny Garrido, Clara Corral Aller, Filomena Dato Muruais, Eugenia Osterberger e Francisca Herrera Garrido. Esta última converteuse en 1945 na primeira muller elixida membro de número da institución.
Un primeiro dicionario que quedou na voz ‘cativo’
O traballo lexicográfico ocupa outro dos espazos destacados da conmemoración. Seis anos despois da inauguración, a Academia iniciou a distribución por cadernos do seu primeiro dicionario, elaborado en castelán seguindo a tradición doutras obras lexicográficas do século XIX.
Entre 1913 e 1928 chegaron a publicarse 27 fascículos e preto de 12.500 voces, pero o proxecto non chegou a completarse. O dicionario interrompeuse na entrada “cativo”, xa nun período de dificultades para a institución que será abordado na segunda entrega do percorrido, ‘No Ronsel das Irmandades’.
Ese episodio abarcará os anos 1924-1935, marcados polo falecemento de Andrés Martínez Salazar, considerado o sucesor natural de Murguía, a interrupción das achegas económicas procedentes de Cuba e o contexto político da ditadura de Primo de Rivera.
A perda de actividade da Academia coincidiu, porén, coa expansión doutras iniciativas culturais e lingüísticas, como as Irmandades da Fala, fundadas na Coruña en 1916, e o Seminario de Estudos Galegos, creado en Santiago en 1923. Varios académicos participaron nestes movementos, mentres a propia RAG continuou desenvolvendo homenaxes e publicacións e intervindo na consolidación dos símbolos colectivos galegos.
Entre estes últimos estiveron o himno e a bandeira de Galicia, que comezaran a utilizarse nas comunidades emigrantes antes de estenderse no propio país debido ás restricións existentes no Estado español.
Da Guerra Civil ao Día das Letras Galegas
A terceira entrega, ‘Os anos escuros’, abordará o período comprendido entre 1936 e 1960, atravesado pola Guerra Civil e polos primeiros decenios da ditadura franquista. O capítulo posterior, ‘Mudan as vontades’, continuará o relato ata 1977 e deterase nalgúns dos cambios que experimentou a institución nas últimas décadas do franquismo.
Entre eles figura a decisión adoptada en 1963 de redactar en galego todos os documentos e escritos públicos da Academia, así como distintas reclamacións para ampliar a presenza da lingua na liturxia e no ensino. En 1970 chegarían tamén as primeiras ‘Normas ortográficas’ aprobadas pola institución.
O ano 1963 marcou ademais o nacemento do Día das Letras Galegas, coincidindo co centenario da publicación de ‘Cantares gallegos’. Rosalía de Castro foi a primeira personalidade homenaxeada nunha celebración que desde entón se converteu nunha das principais citas anuais arredor da lingua e da cultura galegas.
A figura de Rosalía funciona tamén como un dos fíos visuais do novo percorrido histórico da Academia, que continuará incorporando entregas ata alcanzar a actualidade. A iniciativa coincide, ademais, coa previsión de que a RAG poida regresar proximamente á súa histórica sede da rúa Tabernas da Coruña, sometida nos últimos tempos a unha rehabilitación integral.