A V edición do premio Luis Porteiro Garea vén de premiar a Xosé Manuel Beiras Torrado, político e ex profesor da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela. Con este galardón, a USC recoñece o “papel activo na promoción do uso do galego no ámbito da xestión, tanto como director de departamento durante máis de dez anos como na xestión da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais” de Beiras.
Este ano, o xurado quixo facer fincapé no “compromiso co idioma” de Beiras, algo que demostrou ao longo dos anos dirixindo teses en galego e sobre Galicia, así como contribuíu ao uso do idioma na ciencia económica. Tamén quixeron destacar o apoio do galardoado a iniciativas sociais, culturais e lexislativas arredor do galego e a difusión de artigos en galego na prensa, conferencias e seminarios.
Dende 1964, cando Beiras comezou o seu camiño como profesor de Economía Política, e logo de Estrutura e Institucións Económicas, o político non deixou de “exercer un importante e permanente labor de promoción e defensa do idioma na docencia, na investigación e na propia xestión do centro”. Isto fíxoo merecedor do premio, que se deu a coñecer este martes 28 de xuño.
De maneira anual, o premio Luis Porteiro Garea destaca a iniciativa, o traballo e a traxectoria da comunidade universitaria a prol da normalización do galego, un recoñecemento do que este ano foi merecedor o economista. Con este premio tamén se honra a Porteiro Garea, quen no 1915 pronunciou no Paraninfo a primeira lección en galego da que hai rexistro. Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico e Antonio Rigueiro, catedráticos de Química Orgánica, Dereito Mercantil, Historia da Educación e Enxeñaría de Montes, respectivamente, foron os galardoados en edicións anteriores.
Nesta edición, o xurado estivo formado polo reitor da USC, Antonio López, o responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala; o doutor en Historia Medieval José Carlos Baliñas Pérez; o catedrático en Enxeñería Química, Gumersindo Feijoo Costa, a profesora de Pedgoxía Social Rita Gradaílle Pernas; e o profesor de Psicoloxía Cástor Méndez Paz. Máis información no portal da USC.