Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A RAG reivindica no novo Consello das Linguas Oficiais a galeguidade das falas estremeiras de Asturias

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, participou este luns en Donostia na reunión constitutiva do Consello das Linguas Oficiais, o novo órgano creado polo Goberno español para substituír o antigo Consello das Linguas da Administración Xeral do Estado. A nova estrutura incorpora representantes dos gobernos das comunidades autónomas con lingua propia, entre elas Galicia, e entidades convidadas como as academias lingüísticas, o que Monteagudo valorou como un avance cara a unha maior coordinación e respecto pola diversidade.

Durante a sesión, o presidente da RAG defendeu a galeguidade das falas estremeiras de Asturias e instou a que se axilice a incorporación do galego á oferta infantil de RTVE, especialmente a través de Clan TV. Segundo explicou, esta medida é clave “para frear a perda de galegofalantes nos primeiros anos de vida e para que os nenos e nenas castelanfalantes se familiaricen coa lingua propia de Galicia”.

A representación de RTVE confirmou que se está a traballar para cumprir o compromiso adquirido a comezos de ano, co obxectivo de ampliar a presenza das linguas cooficiais na programación infantil. A Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, aprobada en xullo de 2022, establece a obriga de fomentar a incorporación de produtos dobrados ou subtitulados ás linguas cooficiais, con especial atención aos contidos destinados ao público infantil ata os doce anos.

Na orde do día da sesión abordouse tamén a preparación do novo informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, documento no que España debe dar conta das medidas aplicadas para protexer e promover as linguas propias. Ademais, tratáronse cuestións relativas ao fomento das linguas cooficiais nos medios de comunicación e á incorporación plena destas linguas á intelixencia artificial, un dos retos centrais do proxecto ILENIA, presentado esta mañá na xornada paralela celebrada en Donostia.

Monteagudo expresou a confianza da RAG en que o Consello das Linguas Oficiais sirva como foro estable de diálogo e coordinación entre administracións e entidades, e que contribúa “a avanzar no respecto e na promoción de todas as linguas cooficiais, reforzando España como un Estado que aposta pola diversidade lingüística e cultural”.

O novo órgano ten entre as súas funcións avaliar a situación das linguas cooficiais, impulsar o cumprimento dos compromisos internacionais en materia lingüística e estudar o uso das linguas nas páxinas web da Administración Xeral do Estado e dos organismos dependentes, co propósito de garantir a súa presenza efectiva en todos os ámbitos institucionais.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.