A literatura creada por veciños de Santiago de Compostela ten premio. Un total de 3.000 euros máis a oportunidade de pasar un mes na Residencial al Mamal de Xerusalén é o premio que ofrece a primeira edición de Exeria, que busca recoñecer a proxectos literarios feitos en galego.
Esta primeira edición do Premio Exeria ten como obxectivo incentivar a creación literaria en galego, ofrecendo a oportunidade de crear nun contexto óptimo. Así, este certame focalízase no proceso de creación, a diferenza de outros concursos no que se recoñece o produto final.
Para participar, todas as persoas interesadas maiores de idade e empadroadas no Concello poderán enviar unha descrición do proxecto literario que desexan desenvolver. Tamén é requisito amosar tres traballos previos que ilustren non só o recorridos dos autores e autoras, senón tamén o seu estilo.
Para dar a coñecer os Premios Exeria, o Portal de Administración Local de Galicia publicou un chío no que destaca que se trata dun “certame que ten por obxecto incentivar a creatividade e a creación literaria escritas en lingua galega”.
Na selección do proxecto gañador, algúns dos aspectos que se terán en conta son a calidade artística, así como a orixinalidade e innovación, así como a súa vinculación coa cidade de Santiago de Compostela, entre outras condicións. As bases completas da convocatoria pódense consultar no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.