Violeta é de Granada e prepara a súa tese de doutoramento en Historia na Universidad de Granada. Nunca tivera un vínculo directo co galego ata que, por accidente, un libreiro lle entregou unha tradución de Xerais no canto do exemplar que pedira. Ese primeiro contacto ficou como unha simple anécdota ata anos despois, cando, no último curso do seu máster, coñeceu compañeiros galegos e se lle presentou a oportunidade de traballar cun sociolingüista de Galicia. A partir de entón decidiu aprender a lingua para poder desenvolver entrevistas e ampliar as posibilidades da súa investigación.
O proceso de aprendizaxe fíxoo a través dos cursos ‘Galego sen fronteiras’ organizados pola Real Academia Galega e o ILG, aos que asistiu en dúas edicións. Define a experiencia como “intensiva e moi útil”, xa que lle permitiu adquirir coñecementos gramaticais e culturais nun tempo reducido e, sobre todo, practicar a lingua de maneira constante. A súa bagaxe noutras linguas romances facilitoulle o camiño, aínda que recoñece que “a pronuncia e os tempos verbais” resultaron os aspectos máis complicados.
No seu día a día en Santiago decidiu dar un paso máis e incorporar o galego como lingua habitual, tamén con persoas que non llo falaban de inicio. Esta mudanza estivo ligada á súa propia investigación sobre o neofalantismo: “ao estudar o tema pensei que era mellor vivilo en primeira persoa”. As reaccións que recibe son variadas, dende a acollida positiva até a sorpresa de quen lle resulta estraño que alguén de fóra de Galicia aprenda o idioma “sen un vínculo familiar previo”. Segundo relata, “moitas veces romantízase que alguén de fóra se achegue ao galego, pero aínda custa aceptar que tamén se poida aprender por interese persoal, coma calquera outra lingua”.
A cuestión do acento é outro dos aspectos que lle chaman a atención. Ao falar galego perde parte da súa entoación andaluza, pero cando volve ao castelán esta reaparece. “Ás veces síntome nun sensentido, como se a xente me mirase estrañada ao mudar dunha lingua a outra”, admite.
O uso das redes sociais converteuse nun complemento fundamental para manter o galego fóra de Galicia. Asegura que a maioría do seu contorno dixital era monolingüe castelán, mais decidiu mudar os seus perfís á lingua galega: traduciu publicacións antigas, redacta stories en galego e mesmo adaptou a súa biografía. Ningún dos seus contactos protestou pola decisión e algúns mesmo lle comentaron que “se entende perfectamente”. Para ela, isto confirma que quen non entende o galego “é porque non quere facelo”.
Mirando atrás, Violeta considera que aprender galego non só lle abriu portas académicas, senón que tamén lle permitiu coñecer xente, integrarse mellor en Santiago e experimentar unha relación persoal co idioma. Por iso recomenda vivamente a experiencia dos cursos intensivos: “son semanas nas que falas galego todo o tempo, recibes contido lingüístico e cultural e fas amizades”.
Agora, mesmo tendo que deixar Galicia por motivos persoais, decidiu seguir vinculada á lingua a través das súas redes e da investigación. Porque, como resume, o galego chegou á súa vida por casualidade, mais quedou como unha opción consciente e sostida no tempo.