A profesora de Filoloxía na Universidade de Vigo, Ana María Iglesias, achegarase este venres á Casa da Cultura de Vilalba para impartir a charla “A creación dun discurso propio sobre a lingua galega e a súa normalización”. O evento, que terá lugar ás 20:00 horas, pretende abrir un espazo de reflexión colectiva sobre o papel individual e social na defensa do galego e os retos que afronta o idioma.
Iglesias analizará os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), que sinalan un descenso nas competencias lingüísticas en galego entre a mocidade. “Pretendo dar resposta ás causas destes resultados negativos e reflexionar sobre posibles solucións”, avanzou a docente.
A profesora destacou a importancia de reforzar o galego no ámbito educativo e no tempo de lecer, sinalando que o contacto coa lingua nas escolas é clave para a súa pervivencia. “Os nenos e nenas galegofalantes abandonan o galego ao entrar na escola”, explicou, subliñando a necesidade dunha oferta dixital que conecte o galego coas novas xeracións.
Iglesias incidiu en que o galego é “un símbolo de identidade e cultura” e destacou os beneficios do plurilingüismo, tanto a nivel persoal como profesional. “O galego abre portas ao mundo lusófono, complementando as oportunidades que ofrece o castelán no ámbito hispánico”, afirmou. Ademais, resaltou as vantaxes cognitivas e culturais de ser bilingüe desde a infancia, propoñendo Mover á papeleiraun maior compromiso das familias neste sentido.
A charla tamén abordará as visións que consideran as políticas lingüísticas como artificiais. Iglesias desmentiu esta percepción, apuntando que “as linguas non desaparecen por procesos naturais, senón por decisións sociais e políticas”. Defendeu que o abandono do galego non é unha elección libre, senón o resultado de presións sociais.
Máis información en El Progreso