A CIG-Ensino vén de presentar unha nova ferramenta dentro da campaña “Eu ensino en galego”, iniciada no comezo do presente curso académico, coa publicación dunha “Guía para a normalización lingüística desde os Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega (ENDLG)”, elaborada pola docente Valentina Formoso Gosende.
A iniciativa enmárcase nun contexto que o sindicato cualifica de “emerxencia lingüística”, caracterizado pola perda de uso e competencia do galego entre a poboación máis nova. A campaña, posta en marcha en outubro, naceu co obxectivo de reverter os efectos do Decreto de Plurilingüísmo de 2010, ao que atribúen un cambio de tendencia histórica no uso da lingua.
Segundo sinala a organización, esta nova guía busca facilitar o labor do profesorado implicado nos equipos de normalización, ofrecendo reflexións, recomendacións e propostas prácticas para o desenvolvemento de actividades nos centros educativos. O documento recolle tamén unha serie de orientacións baseadas na experiencia da súa autora no ámbito da sociolingüística e no traballo directo cos ENDLG.
Tal e como se recolle na propia guía, “o profesorado é o modelo lingüístico a seguir polo alumnado”, polo que se fai un chamamento a exercer a docencia desde unha “conciencia lingüística implicada e crítica” . Neste sentido, a publicación incide na necesidade de que o persoal docente se implique activamente na promoción do galego nas aulas e no conxunto da comunidade educativa.
A guía incorpora tamén unha análise das condicións nas que traballan estes equipos, que, segundo a CIG-Ensino, operan “entre a precariedade e o voluntarismo”, debido á falta de recursos humanos, materiais e formación específica. Neste sentido, denuncian que a Administración educativa non ofrece unha formación continuada suficiente en sociolingüística, malia a situación da lingua.
O documento insiste ademais na importancia de deseñar proxectos lingüísticos adaptados á realidade de cada centro, baseados na análise sociolingüística da comunidade educativa e na implicación do profesorado, alumnado e familias. Entre os obxectivos principais sitúanse dignificar o uso do galego e incrementar a súa presenza en todos os ámbitos escolares, desde as actividades lectivas ata os espazos informais.
A publicación inclúe tamén exemplos de actividades que poden desenvolverse nos centros, desde iniciativas de radio escolar ata propostas vinculadas á ciencia, a regueifa ou a toponimia, co propósito de integrar a lingua galega en contextos diversos e actuais. Segundo o texto, “normalizar non é impoñer unha lingua, senón dignificala e aumentar os seus usos” .
Desde a CIG-Ensino reclaman, así mesmo, un cambio nas políticas lingüísticas no ámbito educativo, que pase pola derrogación do Decreto de Plurilingüísmo, así como pola dotación de máis recursos e tempo para o traballo dos equipos de normalización. A organización considera que estas medidas son necesarias para frear a perda de uso do galego e garantir a súa transmisión entre as novas xeracións.
A guía completa está dispoñible en formato dixital e forma parte do conxunto de materiais elaborados no marco da campaña, que inclúe tamén recursos divulgativos como carteis, infografías e unha guía previa para a actualización dos proxectos lingüísticos de centro.