A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) presentou a guía didáctica Coñecendo a historia dos medios en galego, un novo material educativo destinado ao alumnado de ensino secundario co obxectivo de achegarlles a evolución histórica e o presente da comunicación en galego. A iniciativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, coincide coa celebración do XI aniversario do Día dos Medios en Galego, efeméride que conmemora a saída do primeiro xornal monolingüe en galego, O Tío Marcos d’A Portela, publicado en 1876 por Valentín Lamas Carvajal.
O material, dispoñible para descarga libre na web da Deputación da Coruña e de AMEGA, será traballado en diversos centros educativos da provincia, como o IES Punta Candieira (Cedeira), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Virxe da Cela (Monfero).
Unha ferramenta educativa para coñecer o xornalismo en galego
A guía foi elaborada por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega, co traballo de Miguel Rodríguez e Brais Ferreiro, e estrutúrase en diversas propostas didácticas que combinan a aprendizaxe da historia dos medios en galego cos desafíos actuais do xornalismo e a comunicación dixital. O seu enfoque busca fomentar o pensamento crítico do alumnado e destacar o papel dos medios en galego como vehículo de información e cultura na sociedade actual.
Segundo explicou o presidente de AMEGA, Pablo García Fernández, esta iniciativa supón “un paso máis para fortalecer a presenza do galego nos medios de comunicación e garantir que as novas xeracións valoren e empreguen a nosa lingua tamén no ámbito informativo”.
O lanzamento desta guía pon de manifesto a importancia de crear ferramentas que reforcen a presenza do galego no xornalismo e faciliten o acceso da mocidade a información veraz e plural na súa lingua propia. A guía inclúe actividades interactivas e recursos históricos que permiten ao alumnado comprender a evolución da prensa, radio, televisión e medios dixitais en galego desde o século XIX ata a actualidade.
Toda a información sobre este recurso pode consultarse en www.mediosengalego.gal/guiadidactica e na web da Deputación da Coruña.