Paola Costa Villanueva é a gañadora da primeira modalidade do décimo certame #traduceTED2024, impulsado dende o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e dotado de 1.300 euros para o recoñecemento de traballos de tradución e subtitulación a galego de audiovisuais sobre diferentes temáticas científicas. Villanueva elaborou a escrita en galego de ‘En busca da materia invisible que forma o universo’, para o vídeo ‘The search for the invisible matter that shapes the universe’, de Chanda Prescod-Weinstein.
Pola súa parte, María Suárez Seijas, polos subtítulos ‘Unha sinxela pregunta que podería mellorar a saúde das mulleres’, elaborados para a peza ‘1 simple question that could improve women’s health’, de Meryam Sugulle, acadou o primeiro posto na categoría para participantes que non pertencen á USC (modalidade B). Cada unha das gañadoras, recibirá un premio de 300 euros.
Na modalidade A, tamén resultou novamente premiada Paola Costa Villanueva, que obtivo o segundo premio nesta categoría polos subtítulos ‘As matemáticas poden axudar a revelar as incógnitas do cancro?’, elaborados para o vídeo ‘Math can help uncover cancer’s secrets’, de Irina Kareva. Este premio está dotado con 250 euros. Finalmente, o terceiro galardón da modalidade centrada na comunidade da USC, dotado con 200 euros, recaeu en Rosa María Peña Crecente, polos subtítulos ‘Por que non se pode meter metal no microondas?’, elaborados para o vídeo ‘Why can’t you put metal in a microwave?’, de Aaron Slepkov.
Repoboación e biodiversidade
No marco da categoría dirixida a participantes alleos á USC, resultou premiado co segundo galardón de 250 euros, Diego Rodríguez Vila, polos subtítulos ‘Un plan audaz para renaturalizar a Terra a escala masiva’, elaborados para o vídeo ‘A bold plan to rewild the Earth — at massive scale’, de Kristine McDivitt Tompkins.