Oh Captain! My Captain!”, un dos poemas máis célebres de Walt Whitman, foi escrito en 1865 en homenaxe ao presidente dos Estados Unidos Abraham Lincoln tras o seu asasinato. Case un século despois, en 1951, foi vertido por primeira vez ao galego, desde o exilio en México, por Florencio Delgado Gurriarán (1903 – 1987). “Adaptouno con certo grao de liberdade para render homenaxe a Castelao con motivo do seu primeiro cabodano”, explica o profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva, que abordou o labor como tradutor do protagonista do Día das Letras Galegas na primeira xornada do simposio que a Real Academia Galega lle dedica.
“A tradución significou para Delgado Gurriarán unha vertente notable no conxunto do seu labor, malia que non lle consagrase atención de forma perseverante no transcurso da súa traxectoria”, resume o investigador, que se referiu tamén á escolma Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Buenos Aires, 1949), “un verdadeiro fito na historia da tradución galega” da que Delgado Gurriarán foi coautor.
A primeira mostra do labor como tradutor de Delgado Gurriarán é a súa contribución neste libro no que participou xunto a Plácido Castro e Lois Tobío traendo ao galego poemas en francés como “Volta da primavera” de Philippe Chabaneix, e “Choiva” de Paul Verlaine. “Este volume constitúe un verdadeiro fito na historia da tradución galega por se tratar do primeiro tomo de versións á nosa lingua que viu a luz despois da guerra civil”, valora Xosé Manuel Dasilva. Toda a información en Galicia Confidencial.