O libro Nós e o mundo, o mundo e Nós é o resultado de diferentes iniciativas impulsadas dende a Facultade de Filoloxía para homenaxear a revista Nós no seu centenario. Unhas xornadas centradas no estudo das relacións de autores e temas da revista co seu contexto histórico, así como a convocatoria dirixida a estudantes deste centro para que escollesen artigos, poemas ou debuxos de diferentes autorías da revista, cos seus comentarios críticos, conforman a base desta obra da que o decano de Filoloxía Elias J. Torres Feijó, nun encontro co reitor Antonio López, destacou a importancia de “xerar comunidade e intercambio entre docentes, persoal investigador e estudantes e divulgar coñecemento na universidade”.
“O éxito das xornadas e do libro ratifican a vontade do Decanato de convocar anualmente estes proxectos de interacción e transversalidade da comunidade da Facultade con vocación de divulgación e transferencia”, explicou o profesor Feijó Torres. Laura Paz, en representación do alumnado que colaborou na escrita do libro, agradeceu “a oportunidade que se nos deu aos estudantes de participar”. No encontro co reitor, participaron igualmente Dolores Vilavedra, profesora da Facultade, e Paulo Gamallo, vicedecano de Cultura do centro—ambos os dous, editores do volume—. “É preciso pór de relevo a valiosa e xenerosa contribución dos membros da Facultade de Filoloxía, profesorado e estudantado, que, con entusiasmo, participaron na creación do libro, co obxectivo común de render homenaxe a unha revista e unha xeración de persoas fundamentais para entender quen fomos e quen somos hoxe”, salientou o vicedecano.
Nas xornadas que constitúen parte do xermolo do libro, foron analizadas as relacións de colaboradores da revista con escritores como Joyce e Valle-Inclán, as vinculacións da revista con outros proxectos análogos no Brasil, ou a exploración das relacións estabelecidas pola revista no cadro da literatura mundial. Tamén se integran neste volume estudos de natureza filolóxica e lingüística centrados en variadas temáticas como a presenza do romanceiro tradicional na revista Nós, as achegas á revista centradas en tópicos lingüísticos e o contra-discurso erguido polos membros do grupo Nós contra o hexemónico da filoloxía española. Nestas xornadas, participaron profesoras e profesores da Facultade cuxas intervencións deron lugar a artigos divulgativos que están integrados na primeira parte do libro. As xornadas foron gravadas e están dispoñibles na web de USC TV.
A outra actividade que deu lugar á segunda parte do libro, nútrese de pezas seleccionadas polo propio alumnado coa intención de conformar unha breve escolma con artigos de autores como Vicente Risco e Otero Pedrayo, debuxos de Castelao e poemas de Carvalho Calero. Os comentarios críticos do alumnado aparecen acompañados neste libro das pezas orixinais, tal e como foron publicadas.