Este 1 decembro chegou a librarías de todo o estado O lume, a nova novela gráfica de David Rubín. O ourensán corre co guión e co debuxo desta obra, que ve a luz de xeito simultáneo en castelán, da man de Astiberri, e en galego publicada por Demo Editorial. Esta é a primeira vez que un título do autor sae ao mesmo tempo nas dúas linguas.
A obra, de 256 páxinas a cor, conta a historia de Alexander Yorba, arquitecto encargado de crear unha colonia lunar para salvar a humanidade ante o inminente impacto dun asteroide contra a Terra. No medio deste proceso, Yorba é diagnosticado cun tumor terminal que o leva a abandonar o proxecto e se reencontrar coa súa familia. A raíz diso, unha serie de acontecementos poñen o protagonista a vagar por diferentes lugares do mundo nunha dramática odisea co final dos tempos como meta.