O escritor e xornalista Alberto Ramos gañou a XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega, pola súa obra ‘Os Corpos de Romanov. Matthias Lentz’.
Trátase dunha historia na que o azar das relacións humanas xunta unha serie de personaxes, construídos de forma sólida, nos que se reflicten as inquietudes e os traumas individuais e colectivos do pasado.
O galardón, que se entregará antes de final de ano na Coruña, está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro. No certame participaron outras 27 obras orixinais e inéditas que deberían ter unha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.