Xa podes amosar a túa creatividade no Youtube. Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, abriu este martes 27 de setembro o prazo de inscrición para a sexta edición dos seus premios.
Os obxectivos para esta sexta edición pasan por reforzar a formación e abrir novos espazos de aprendizaxe especializada para youtubeiras, incentivar a súa profesionalización e poñer en valor a súa figura, como tamén fomentar temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube ou a visibilizar a creación no Youtube na nosa lingua.
Os galardóns entregarán 7.500 euros en premios entre oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público.
NOVA CATEGORÍA
É precisamente nas categorías onde se produce unha das primeiras novidades deste ano, xa que aparece por vez primeira o apartado de youtubeira/o revelación. Ademais, modifícanse as contías dos premios en metálico. Todos os galardóns contarán cunha dotación de 1.000 euros, agás o premio do público ao que se reservan 500 euros. Muíño, ademais, lembrou que este ano volverán admitirse as canles que só teñan un vídeo público, a diferenza da anterior convocatoria na que se requirían un mínimo de cinco.