A labor social e cultural da tradución é protagonista do volume Á volta da tradución, unha obra editada polas filólogas Rosa Marta Gómez Pato e Alejandra Ulla Lorenzo. Dende a Universidade de Santiago de Compostela buscan poñer en valor a tradución como unha ferramenta mediadora entre culturas, e fano a través desta obra na que participan o profesorado e alumnado da Facultade de Filoloxía.
A partir das xornadas Á volta da tradución, que se realizaron no marco do programa Converxencias, nace esta obra que recolle os froitos desta actividade organizada dende a Facultade.
“Traducir non só significa enunciar nunha lingua o que anteriormente se expresou, de xeito oral ou por escrito, noutra; tamén supón mudar, trocar, interpretar e crear”, explican as editoras da obra.
En á volta da tradución poderán consultarse diferentes textos que versan sobre a labor da tradución, así como tres artigos elaborados por Daniel Durán Chapela, José Luís Forneiro Pérez e Manuela Palacios González, que analizan a tradución dende e para o galego. Pola súa banda, María Xesús Nogueira Pereira versa arredor da tradución e do xénero, mentres que María José Alonso Veloso e Tomás Espino Barrera se centran na convivencia entre “tradición e traizón”. Un terceiro bloque, a partir dos capítulos de Wang Chenchen, Rosa Marta Gómez Pato e Inmaculada Mas Álvarez trata o proceso da actividade translativa.
O traballo elaborado pola alumnado tamén se ve reflectido na obra, que recolle propostas de tradución ao galego de textos da tradición grega, norteamericana, escocesa e francesa, elaborados por Esteban Decabo Nogueira, Paula García Pardavila, Diego Rodríguez Vila e Santiago Uría, respectivamente. Máis información na web da USC.