Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

#Bares en galego : “Non volvo a este, nin poñen tapa co viño nin teñen un só xornal en galego”

Se o teu bar de confianza ofrece prensa en galego ou podes ler na nosa lingua na túa taberna preferida, dáo a coñecer! A iniciativa #BaresEnGalego recolle os locais de hostalaría que ofrecen prensa en galego, para así poñer en valor o xornalismo feito na lingua da comunidade e apoiar o galego “os 365 días do ano”.

O pasado 16 de maio, a conta de Twitter @Zarkastik0 publicaba un chío co que animaba a compartir os lugares nos que atopar prensa en galego: “Fai un chío co cancelo #BaresEnGalego e engade o nome e enderezo do bar ou establecemento”. A Fouce, en Lugo, A Taberna en Cerceda, O Piorno ou Airas Nune en Santiago de Compostela, A Sacabeira en Sargadelos ou a Casa do Patín en Padrón ou Café Auriense na cidade das Burgas son algúns dos nomes que rapidamente se sumaron á lista in crescendo de bares en galego.

https://twitter.com/Zarkastik0/status/1526152865256902656

Zar Kastik0, o promotor da iniciativa, afirma que a idea naceu a partir da campaña #FainoEnGalego, a impulsada pola conta @RamonadoCurral para impulsar o galego nas redes e na vida cotiá. Tras un tempo de inactividade con esta campaña, @ZarKastik0 propuxo seguir impulsando o uso do galego no día a día a través de algo tan común e sinxelo como ler prensa nos establecementos de hostalaría.

Cada vez son máis as persoas que se fan eco de #BaresEnGalego e se animan a compartir os establecementos que frecuentan, creando así un mapa dos bares nos que se pode ler en galego. “Estamos a fazer unha listaxe de bares, temos xa conta en Instagram, Facebook, directorios de prensa en galego, bares, restaurantes… hai unha morea de ideas mais sen dúbida o maior trabalho é conseguir que a xente pida prensa nos seus bares en galego”, explica Zar Kastik0.

O obxectivo da campaña é claro: dar a coñecer lugares nos que ler prensa en galego e promover o idioma. Para iso, buscan a colaboración de todos os usuarios: “Rechouchiar axuda, axuda moito… mais pensemos para nós! En cantos bares pides prensa en galego? Esa é a loita que temos que fazer!”, anima o promotor, “Difundir a campanha, conseguir que os demais se animen, cada un ao seu xeito, empregar as redes para fazer chegar a mensaxe a máis e máis xente, e poder fazer que en cada concello se normalice ter prensa en galego, se calla, ate poden xurdir novos xornais en galego, revistas…

Diariamente, a conta @ZarKastik0 publica chíos cos que non só recorda a iniciativa, se non que tamén busca formas orixinais para promover o galego. “En Agosto a 35º pedirlle unha caneca de cervexa e olhar enriba da barra pensa en galego… Iso tamén son vistas de CARALHO! #baresEnGalego con vistas o futuro da nosa lingua!”, publicaban o pasado 22 de maio.

Tamén hai rostros máis públicos amosando o seu apoio, como é o caso do actor Federico Pérez Rey, quen anima “á xente a que vaia a ler prensa en galego aos bares e que os bares teñan prensa en galego, que hai xente para todo, ata hai xente que quere ler en galego”.

A nosa cultura e a nosa lingua tenhen dereitos e os falantes tamén os temos. Nos bares e preciso ter prensa en galego porque iso é o normal, ter prensa na lingua do teu país… revistas, xornais…”, reclama Zar Kastik0, “dende os bares pode comezar o rexurdimento do terreo perdido polos nosos dereitos a vivir en Galego”. A predominancia da prensa en galego é algo que tamén comentan: “Consideramos que nos bares comeza a revolución, e totalmente distópico que na Galiza os bares tenhan prensa en castelán 100% incluso cando son bares con falantes 100% galegofalantes, falar de bilingüismo harmónico cando unha lingua fai desaparecer a outra é totalmente insultante”.

Dende que se puxo a andar a iniciativa, o seu promotor valora a acollida de maneira positiva, salientando o apoio do “galitwitter”, aínda que tamén afirma recibir opinións contrarias á campanha. Por iso, anima a todos a non calar e defender a lingua. “dende os bares pode comezar o rexurdimento do terreo perdido polos nosos dereitos a vivir en Galego!”, conclúe.

1 Comenta

  • xoan
    Enviou 6 Xuño, 2022 ás 01:21

    No bar que ilustra a foto (Cervexeria Nasa) PO. dan tapa e hai prensa en galego (Xornal Nós).

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.