Para conmemorar as Letras Galegas 2022, o Cineclub de Bueu ofrecerá durante maio un Ciclo de Cienema en Galego. Cada venres, o Centro social do Mar proxectará filmes feitos en Galicia, nun ciclo composto por catro títulos recentes. Negro Púrpura, Manoliño Nguema, A Virxe Roxa e Eles Transportan a Morte son as películas que chegarán no mes de maio a Bueu.
O pasado venres 6 de maio foi a quenda de Negro Púrpuma, que retrata a produción do fungo “claviceps purpurea” na nosa comunidade e a súa importancia na evolución da cultura e da economía galegas no s.XX. Na proxección tamén participou unha das directoras, Adriana P. Villanueva, quen presentou o documental estreado no 2021 e que tivo 8 nominacións nos Premios Goya 2022.
O vindeiro 13 de maio será a quenda de Manoliño Nguema, un documental de Antonio Grunfeld que retrata a vida de Marcelo Ndong, un artista africano formado en España que se move entre os teatros de Santiago de Compostela e Malabo (Guinea Ecuatorial).
A virxe roxa, de Marcos Nine, poderá verse o 20 de maio. O documental céntrase na figura de Hildegart Rodríguez, unha das mulleres máis destacadas da Segunda República e que foi asasinada pola súa nai, Aurora Rodríguez Carballeira.
O último filme do ciclo será Eles transportan a morte. Os seus directores, Helena Girón e Samuel M. Delgado, contan nunha ficción a vida de diferentes personaxes que burlan a morte en 1492 entre as carabelas de Cristobal Colón.
Todos os filmes serán proxectados ás 21.00h no Centro social do Mar, cun custo de 2 euros a entrada para socios anuais e 4 euros para aqueles que non o son. Ademais, as proxeccións contarán coa presenza de membros do equipo de dirección das diferentes películas, para presentalas e debatir co público acerca das diferentes obras.