A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo está a levar a cabo un novo volume do libro A lingua galega en 2050. Dentro deste exemplar incluirase o texto do gañador do Premio A lingua galega en 2050 no que fará unha reflexión prospectiva sobre a situación social da lingua galega a mediados do século XXI a partir de propostas ensaísticas, literarias ou de divulgación científica escritas polos estudantes.
Como cren as alumnas e alumnos da UVigo que estará a lingua en 2050? Como lle gustaría que chegase a esa data? Estas son as dúas preguntas ás que deben responder o alumnado que se anime a participar no Premio A lingua galega en 2050. Os traballos mellor considerados polo xurado, composto por persoas de recoñecida traxectoria na sociolingüística galega, recibirán cadanseu premio de 200 euros, ademais de seren publicados nun novo volume do libro A lingua galega en 2050.
A convocatoria está aberta a todas as alumnas e alumnos matriculados este curso nalgún grao, mestrado ou programa de doutoramento da Universidade de Vigo e só se poderá presentar un orixinal por persoa -identificada cun lema, alcume ou pseudónimo-. Deben ser textos inéditos, non premiados noutros certames e cunha extensión de entre 1200 e 2000 palabras.
O LIBRO A LINGUA GALEGA EN 2050
A lingua galega en 2050 é unha obra coordinada polo propio director da ANL, o profesor Fernando Ramallo, e publicada hai apenas uns meses por Catro Ventos Editora. Nese primeiro volume do libro participaran 25 profesionais para os que o galego é o seu vehículo de expresión artística, obxecto de estudo académico ou materia de xestión política.
Entre os nomes maís recoñecidos atópanse o recentemente falecido Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Rexina Vega, Pilar García Negro, Teresa Moure ou o propio director da ANL. “Todas estas persoas levamos moitísimos anos traballando sobre a lingua, pero todos superamos os 50 anos e faltaba a visión da xente nova”, apunta Ramallo, ao que engade que “aí é onde xurde a idea de facer o concurso”.