Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Cartearse en galego: a iniciativa que xa conquistou a preto de 60 nenos e nenas antes de enviar a súa primeira carta

Durante os primeiros anos de vida da súa filla, Miguel observaba como a pequena empregaba o galego tanto na casa como nas súas primeiras relacións no ámbito escolar. Porén, a medida que foi medrando, a lingua na que os seus pais decidiran educala comezou a perder presenza nas conversas cos seus compañeiros e compañeiras. Hoxe, con dez anos, o castelán é a lingua na que desenvolve boa parte da súa vida social. Desta experiencia naceu, entre outras motivacións, o Club Raposo, unha iniciativa de correspondencia postal que pretende ampliar os espazos de lecer nos que a infancia poida desenvolverse en galego.

Miguel, impulsor do proxecto, explica en conversa con Neofalantes que a realidade lingüística da súa filla non é un caso illado. A familia reside na Coruña, mais asegura ter observado dinámicas semellantes noutros puntos de Galicia, mesmo en localidades de menor tamaño, como Vilalba ou Monforte de Lemos.

Nos primeiros anos de escolarización, a pequena comunicábase en galego tanto co profesorado como con outros nenos e nenas. Esta situación, porén, foi mudando rapidamente. Na actualidade, mantén o galego nas conversas individuais cun reducido grupo de amizades que tamén medraron en contacto coa lingua nas súas casas. Mesmo nestes casos, cando se incorporan máis persoas á conversa, o castelán acaba por converterse na lingua común. “Todos pasan ao castelán”, explica, quen destaca tamén a espontaneidade coa que se produce este cambio de idioma.

Na casa, tanto el como a súa parella optaron por abordar esta realidade dende a naturalidade, evitando que a súa filla perciba a elección dunha lingua como unha fonte de conflito. En ocasións, lémbranlle que pode continuar falando galego con familiares que o comprenden, mais procuran non incidir constantemente nas súas decisións lingüísticas.

O Club Raposo nace, precisamente, desa vontade de crear novos contextos nos que empregar o galego sen que a propia lingua teña que ser a protagonista da actividade. A proposta busca que escribir e ler en galego sexan parte dunha experiencia de entretemento, na que o idioma funcione como vehículo de comunicación.

Máis aló da oferta cultural en galego

O impulsor deste proxecto recoñece que existen ámbitos nos que a oferta de contidos infantís en galego está desenvolvida. Destaca especialmente o sector musical e o editorial, con concertos, publicacións e mesmo traducións de obras e personaxes que contan cunha ampla aceptación entre o público infantil noutras linguas. Porén, considera que esta situación non se reproduce coa mesma intensidade noutros sectores. Entre eles, sinala o audiovisual, particularmente no que respecta ao acceso en galego ás grandes producións cinematográficas de animación que consumen os nenos e nenas.

“O mundo audiovisual si que é unha materia pendente”, considera o promotor do Club Raposo, quen apunta ás dificultades para atopar en galego películas de grandes produtoras internacionais como Disney ou Pixar. Fóra da música e da literatura, Miguel considera que as familias dispoñen de menos alternativas de entretemento na lingua propia. A creación dun club de correspondencia infantil pretende contribuír a diversificar esta oferta, incorporando unha actividade na que os participantes non sexan unicamente receptores de contidos, senón que tamén poidan intervir na súa creación.

Clubs de correspondencia postal

Outra das motivacións que deron lugar ao proxecto foi o crecente interese de Miguel polos clubs de correspondencia postal, iniciativas nas que as persoas participantes reciben periodicamente cartas con contidos artísticos, divulgativos ou educativos. Tras coñecer diferentes propostas deste tipo, o impulsor do Club Raposo detectou unha característica común en boa parte delas: a comunicación prodúcese nunha única dirección. As persoas subscritoras reciben unha carta cada mes, mais non necesariamente teñen a posibilidade de responder e establecer unha conversa coa persoa remitente.

O modelo do Club Raposo procura introducir ese intercambio como elemento central da experiencia. “Eu recibo unha carta, pero tamén quero enviar unha carta”, explica. Para facelo posible, o proxecto conta con cinco personaxes de ficción: Alicia, Adela, Antón, Amelia e Anxo, un grupo de raposiños amigos con idades comprendidas entre os cinco e os once anos. Cada un deles terá as súas propias características e personalidade, que os participantes irán descubrindo a través da correspondencia.

Na primeira carta, dirixida individualmente a cada neno ou nena, os cinco raposiños presentaranse como grupo. Tras coñecelos, serán os propios participantes os que decidan con cal deles queren cartearse, atendendo á súa idade, personalidade ou intereses. A partir desa elección, comezará unha relación de correspondencia individualizada. A segunda carta estará escrita polo raposiño escollido, que contará máis cousas sobre si mesmo e animará o seu interlocutor a compartir as súas propias experiencias. A terceira incorporará xa referencias ás respostas do participante, dando continuidade ao diálogo establecido entre ambos.

Esta primeira experiencia estará composta por seis envíos postais: tres cartas recibidas e outras tres enviadas polos propios nenos e nenas. Os participantes recibirán, ademais, unha camiseta do Club Raposo xunto á primeira carta, un carné de socio coa segunda e outros agasallos que a organización está a definir para o terceiro envío.

Aínda que a iniciativa parte dunha idea de Miguel, o proxecto comezou a incorporar colaboradores de diferentes ámbitos profesionais para desenvolver os seus contidos e adaptar as cartas ás necesidades dos participantes. Entre eles figuran profesionais do mundo do guión audiovisual, que están a traballar na estrutura narrativa da correspondencia, así como persoas vinculadas á docencia e á pedagoxía, encargadas de asesorar sobre a adecuación da linguaxe ás distintas franxas de idade.

As cartas estarán estruturadas arredor de dous niveis narrativos. Por unha banda, incluirán unha historia de ficción común a todos os membros do club, cun inicio, un desenvolvemento e un desenlace previamente definidos. Pola outra, incorporarán unha parte variable, construída a partir das respostas que os rapaces e rapazas vaian enviando. Deste xeito, aínda que a historia terá unha estrutura previamente establecida, as achegas dos participantes determinarán parte do seu desenvolvemento. Ao longo da correspondencia irán aparecendo misterios, probas e exercicios que poderán adaptarse en función das respostas recibidas.

A primeira historia non rematará necesariamente coas tres cartas que integran o paquete inicial, senón que está concibida para desenvolverse a través de máis envíos.Así, pretenden combinar esa continuidade narrativa coa posibilidade de establecer unha relación individual entre cada participante e o seu personaxe.

O proxecto está dirixido principalmente a nenos e nenas de entre cinco e once anos, unha franxa que coincide coa idade dos cinco protagonistas. O límite inferior responde ao momento no que as crianzas comezan habitualmente a adquirir as primeiras competencias de escritura. A diferenza de idade entre os participantes tamén terá consecuencias na elaboración dos textos. Miguel explica que unha mesma historia non pode ser contada da mesma maneira a unha crianza de cinco anos que a outra de once, polo que o equipo está a traballar na adaptación da linguaxe empregada nas cartas.

Aprender a escribir unha carta, pero sen estar a facer os deberes

Ademais de fomentar o uso do galego, o Club Raposo pretende contribuír ao desenvolvemento de competencias relacionadas coa expresión escrita, a comprensión lectora e a creatividade.

Dende os primeiros envíos, os participantes familiarizaranse coa estrutura dunha carta, aprendendo a incorporar elementos como o encabezamento, a data, o saúdo ou a despedida. Estes coñecementos iranse adquirindo a través da propia experiencia de correspondencia e nun contexto afastado das dinámicas escolares. “Non estás en clase, non estás facendo deberes”, sinala Miguel, quen considera que o carácter lúdico da proposta pode contribuír a reforzar aprendizaxes que os nenos e nenas adquiren habitualmente no ámbito educativo.

A iniciativa tamén recupera unha forma de comunicación que foi perdendo presenza na vida cotiá das novas xeracións. Miguel observa que o contacto das crianzas coa correspondencia postal adoita limitarse a actividades puntuais durante os primeiros anos de escolarización, como o envío de postais de Nadal a familiares. Co paso do tempo, estas prácticas van desaparecendo. No caso da súa propia filla, malia que xa conta coas competencias necesarias para escribir unha carta, a correspondencia postal non forma parte dos seus hábitos de comunicación, como hoxe en día non forma parte dos da maioría dos nenos e nenas.

O Club Raposo quere ofrecerlles aos participantes a oportunidade de experimentar a ilusión de atopar unha carta na caixa do correo, preparar unha resposta e agardar pola seguinte mensaxe. Por este motivo, outra das particularidades da iniciativa é que non establecerá unha periodicidade fixa para os intercambios. Fronte aos modelos de subscrición mensual doutros clubs de correspondencia, o ritmo dos envíos estará condicionado polos tempos de cada participante.

Se un neno ou unha nena completa o intercambio das tres cartas en dous meses, poderá facelo nese período. Se, pola contra, precisa seis meses, tamén terá a posibilidade de desenvolver a experiencia ao seu ritmo.

Preto de 60 participantes antes do primeiro envío

A acollida do Club Raposo superou as previsións iniciais do seu impulsor. A iniciativa deuse a coñecer a través dunha publicación no perfil de Instagram de Verbanza e, media hora despois da súa difusión, comezaron a chegar as primeiras inscricións. A publicación pretendía funcionar inicialmente como unha maneira de comprobar se existía interese por unha proposta destas características e a resposta das familias, tanto a través das inscricións como das solicitudes de información, obrigou a acelerar o desenvolvemento do proxecto.

No momento da entrevista, preto de 60 nenos e nenas estaban xa inscritos para recibir as primeiras cartas, unha cifra que non se corresponde necesariamente co número de familias participantes, dado que nalgúns fogares se anotaron varios irmáns. O interese espertado reafirmou a intuición inicial de Miguel de que outras familias podían compartir as súas inquedanzas como pai. Tamén levou á incorporación de novos colaboradores apenas dous días despois da presentación pública da iniciativa.

Entre as decisións adoptadas a raíz desta resposta figura a creación dunha páxina web propia, algo que non estaba contemplado nun primeiro momento e que a organización prevé poñer en funcionamento a finais de xaneiro de 2027.

As primeiras cartas chegarán este Nadal

O prazo para incorporarse ao Club Raposo como membro fundador permanecerá aberto ata este domingo, 29 de novembro. Unha vez pechado o período de inscrición, a organización comezará a preparar os primeiros envíos para que as cartas cheguen aos fogares durante o Nadal. O paquete inicial ten un prezo de 25 euros, que inclúe as tres cartas recibidas, os tres envíos de resposta, a camiseta do club, o carné de socio e os demais materiais e agasallos previstos. Esta tarifa está establecida para envíos dentro do territorio estatal.

As familias interesadas poden acceder ao dossier informativo e ao formulario de inscrición a través das ligazóns dispoñibles no perfil de Instagram de Verbanza (@verbanza_) ou solicitar máis información mediante o correo electrónico verbanza@gmail.com. A finais de xaneiro, coincidindo coa apertura da páxina web do proxecto, está previsto iniciar un novo período de inscricións cun sistema de participación máis estruturado.

Mentres tanto, Miguel e o equipo de colaboradores traballan na preparación dunha primeira experiencia coa que pretenden ofrecerlles aos nenos e nenas unha nova oportunidade para ler, escribir, imaxinar e relacionarse en galego, sen que o uso da lingua deixe de ser unha parte natural do xogo.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.