A iniciativa LGx15. Ideas para o futuro da lingua celebrará o vindeiro sábado 10 de outubro, ás 19.00 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a súa duodécima edición. O encontro reunirá seis novas intervencións arredor do presente e do futuro do galego, con propostas que abordarán ámbitos como o deporte, a educación, a integración das persoas migrantes, os videoxogos ou a tradución audiovisual.
Organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), o LGx15 naceu en 2015 co propósito de recompilar e difundir ideas, experiencias e argumentos que contribúan á promoción do idioma. Desde aquela, o proxecto suma 68 intervencións correspondentes ás once edicións anteriores, ás que se incorporarán este ano as de Inma Soto, Telmo Celeiro, Teresa Carro, Anita Mateu, Jon Amil e Rosa Moledo.
A educadora ambiental e contadora de historias Inma Soto centrará a súa participación nas posibilidades de xogar, cantar, bailar e falar en galego, mentres que Telmo Celeiro, coordinador do espazo deportivo Ártabros Crossfit, relacionará a defensa e promoción da lingua coa práctica deportiva.
A dimensión educativa e a relación coa lusofonía chegarán da man da docente de lingua portuguesa Teresa Carro, que abordará as oportunidades que a proximidade entre o galego e o portugués pode ofrecer no ensino. Pola súa banda, a creadora de contido dixital e divulgadora cubana Anita Mateu compartirá a súa experiencia de integración en Galicia a través da aprendizaxe do idioma.
O espazo dixital será outro dos ámbitos presentes nesta edición. Jon Amil, integrante de Recuncho Gamer, analizará a situación dos videoxogos en galego, mentres que a especialista en tradución audiovisual Rosa Moledo abordará os retos actuais que afronta o idioma e a súa relación coas perspectivas de futuro.
O encontro introducirá ademais un formato podcast, conducido por Carlos Vieito, Lidia Veiga e Xabier Dios, integrantes do Exército Mekemeke. A programación completarase coa actuación musical de Sofía Espiñeira.
Máis alá da celebración presencial, unha das características do LGx15 é a posterior difusión das intervencións na rede. As charlas son gravadas e publicadas en vídeos breves, co obxectivo de ampliar o alcance das propostas presentadas sobre o escenario. O proxecto conta cunha web que permite consultar e buscar entre os 68 vídeos publicados desde 2015, ademais das gravacións das actuacións musicais das distintas edicións. O material tamén está dispoñible a través da canle de YouTube da CTNL.
As entradas para asistir á edición deste ano están á venda desde este luns, 28 de setembro. Teñen un prezo de 6 euros na venda anticipada a través de Eventbrite e custarán 10 euros na billeteira do Teatro Principal, sempre que queden localidades dispoñibles.