Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O conxuro da queimada, da creación literaria ao patrimonio popular

A queimada é un dos rituais máis recoñecibles da cultura galega contemporánea. Evento típico das longas noites de verán. As lapas azuis do augardente trepando dun recipiente de barro á vez que se recita o místico conxuro, formando unha imaxe que se converteu nun emblema dentro e fóra de Galicia. Mais a súa historia real é máis recente do que popularmente se pensa, e está ligada a un autor concreto: Mariano Marcos Abalo.

Durante décadas, estableceuse a crenza de que o conxuro da queimada procedía dunha tradición ancestral de orixe céltica ou medieval. Esta interpretación encaixaba coa visión romántica da Galicia terra de meigas, rituais máxicos e costumes de tempos inmemoriais. Porén, non existen documentos históricos que demostren a existencia dun conxuro semellante antes da segunda metade do século XX. A crenza na súa antigüidade foi medrando a medida que o ritual se popularizaba e se realizaba en festas, reunións familiares e celebracións públicas.

Segundo explicou o propio Mariano Marcos Abalo, creou o conxuro na década dos 60, nun contexto no que a cultura popular galega estaba a ser reinterpretada e posta en valor. O obxectivo non era reproducir un texto antigo, senón construír unha peza literaria que acompañase o ritual da queimada e reforzase o seu carácter simbólico e teatral.

Luis Díaz Devesa / Getty Images

A queimada, unha bebida tradicional

Aínda que o conxuro que hoxe acompaña a queimada foi escrito no século XX, a bebida ten unha historia máis longa. A súa base é a augardente de bagazo, un destilado obtido a partir dos restos da uva tras a elaboración do viño. Pero, esta bebida non puido existir na Antigüidade nin na época castrexa. A razón é sinxela: a destilación do alcohol chegou a Europa da man do mundo árabe e non se difundiu ata a Idade Media. A propia Enciclopedia Galega Universal sinala que a técnica da destilación é un descubrimento árabe, posterior ao século X, polo que a elaboración da augardente en Galicia debe situarse necesariamente despois desa época.

Xa en 1972, o catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago, Carlos Alonso del Real advertía de que resultaba imposible atribuír á bebida unha orixe prerromana, pois tanto o alambique como a destilación do alcohol chegaron a Galicia moitos séculos despois. Máis recentemente, o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo lembrou que o consumo de augardente era habitual na Galicia rural tradicional, pero sen que existise constancia dun ritual como o actual antes do século XX.

A partir da Baixa Idade Media, a augardente comezou a producirse nas zonas vitivinícolas galegas, onde o bagazo da uva se aproveitaba para obter un destilado que inicialmente tivo usos medicinais e terapéuticos. Co paso dos séculos, o seu consumo estendeuse ao ámbito doméstico e festivo, especialmente en celebracións como a matanza, o Entroido, o Nadal ou o magosto. Nese contexto foi aparecendo o costume de queimar o alcohol con azucre e outros ingredientes aromáticos, unha práctica que engadía espectacularidade á preparación e que, xa no século XX, acabaría asociándose á recitación dun conxuro.

Mariano Marcos Abalo: "Escribí el Conxuro da Queimada a bordo de un barco decomisado en Vigo"
Mariano Marcos Abalo performando o seu conxuro

O valor do ritual colectivo

O contido do conxuro está cheo de referencias ao imaxinario tradicional galego: meigas, trasnos, diaños e espíritos que representan as forzas do mal e do engano. A súa función é simbólica e performativa: mentres o beberaxe arde, as palabras buscan afastar esas entidades negativas e protexer aos participantes. Deste xeito, o texto combina elementos da tradición oral galega cunha estrutura literaria moderna pensada para ser recitada en grupo.

Conxuro da Queimada: Tradición gallega para la noche de San Juan

Máis alá da súa orixe recente, a queimada adquiriu unha forte dimensión social e cultural. O ritual converteuse nun momento de encontro, celebración e identidade colectiva. O lume, a bebida e o conxuro crean unha experiencia compartida que reforza os lazos entre os participantes e transforma unha simple preparación alcohólica nunha cerimonia que os reconecta coas raízes da Galicia máxica.

A creación dunha tradición

As tradicións non sempre son herdadas de forma inmutable, senón que son creadas, reinterpretadas e asumidas como propias por unha comunidade. A queimada é un exemplo claro de como un elemento moderno pode integrarse plenamente no imaxinario cultural ata o punto de ser percibido como ancestral.

Paradoxalmente, o maior éxito de Mariano Marcos Abalo como autor foi que milleiros de persoas deixasen de asociar o conxuro co seu nome. A súa obra integrouse na tradición popular ata o punto de ser recitada como se fose unha fórmula herdada desde tempos inmemoriais. Lonxe de supoñer a desaparición do autor, este fenómeno evidencia a capacidade da creación literaria para transcender a súa orixe e converterse en patrimonio colectivo. Trátase dun caso singular no que a creación dun autor conseguiu converterse en tradición viva.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.