Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A RAG e PuntoGal premian o talento literario en galego de todas as idades no seu concurso de microrrelatos

A Real Academia Galega e PuntoGal entregaron esta mañá os premios e diplomas do IX Concurso de Microrrelatos, unha convocatoria impulsada por ambas as entidades que nesta edición recibiu arredor de 850 textos de ata 200 palabras. O acto estivo presidido pola académica María López-Sández, membro da executiva da RAG e do xurado da categoría adulta, e polo presidente de PuntoGal e tamén académico Manuel González.

Na entrega participaron tamén a académica María Dolores Sánchez Palomino, integrante do xurado das categorías infantil e xuvenil, e Ana Cermeño, editora da revista ‘Luzes’, que publicará no seu vindeiro número en papel os nove textos gañadores e os seis finalistas. As obras distinguidas poden lerse xa na edición dixital da publicación.

Durante a súa intervención, María López-Sández destacou a calidade dos textos presentados e, en particular, dos relatos premiados. A académica incidiu na capacidade do microrrelato para abordar, malia a súa brevidade, asuntos de fondo vinculados á sociedade, á memoria, á identidade ou ao medio ambiente.

“O do microrrelato, un xénero esencialmente posmoderno, malia a súa brevidade non é un xénero menor”, sinalou López-Sández, que lembrou que se trata dun formato caracterizado pola condensación, a intertextualidade, o efecto sorpresa e a subversión. “Manexar as súas claves, como vemos nos relatos premiados, ten por tanto un mérito inmenso”, engadiu.

A tesoureira da RAG explicou que entre os textos distinguidos figuran propostas que van desde o xénero negro ata relatos cunha forte presenza de cuestións sociais e ambientais. “Entre os relatos distinguidos temos desde un achegamento ao xénero negro, cunha habelencia narrativa que realmente nos sorprendeu; ata outros textos que malia a súa brevidade teñen moi presente o aspecto social e xogan coa sensibilidade ambiental e a propia identidade galega cunha apertura cara ao futuro”, afirmou.

Pola súa banda, Manuel González puxo o foco no talento literario das persoas participantes e no papel do certame como mostra da vitalidade do galego na creación literaria. “Os relatos presentados amosan que en Galicia temos un enorme potencial de talento literario en todas as idades”, expresou o presidente de PuntoGal.

González salientou tamén que o concurso demostra “que é posible contar grandes historias ou expresar grandes preocupacións en poucos caracteres dunha maneira brillante, e que a lingua galega é un instrumento válido e fermoso para narrar calquera tipo de situación en calquera rexistro, desde o familiar ata o máis requintado”.

Nese sentido, fixo referencia á presenza crecente, nos últimos anos, de persoas participantes e premiadas nadas fóra de Galicia ou con raíces noutras procedencias. “Son persoas que necesitamos para normalizar a nosa lingua, para facer normal a nosa cultura. Persoas que sen renunciar á súa cultura de orixe tamén adoptan a nosa”, subliñou.

Sonia Corral Franco gaña na categoría de persoas adultas

Na categoría de persoas adultas, o primeiro premio foi para Sonia Corral Franco, nada nas Pontes en 1979 e veciña de San Sadurniño, polo relato ‘Trapos sucios’. A obra foi definida no acto como unha historia vinculada ao xénero negro que introduce a crítica social a partir dunha aparente descrición sinxela.

Corral Franco, licenciada en Publicidade e diplomada en Relacións Laborais, explicou durante a súa intervención o papel que a literatura tivo na súa vida desde que foi diagnosticada dunha doenza que lle condicionou o día a día. “A literatura desempeñou un papel crucial, actuando como a mellor das menciñas. Axúdame a pensar, pero paradoxalmente tamén a deixar de facelo, acalmando a miña rebuldeira mente cando non atopa acougo”, compartiu.

A autora, que leva acadados máis dunha ducia de galardóns literarios, agradeceu tamén o apoio da súa familia, que a animou a presentarse ao primeiro concurso que acabou gañando.

O segundo premio da categoría adulta recaeu en Marcos Taracido, nado en Pontevedra en 1971, profesor de secundaria e veciño de Teo, polo microrrelato ‘O corvo’. Na súa intervención, Taracido empregou o seu texto como punto de partida para facer unha chamada a prol do futuro da lingua galega. “O galego é o corvo na gaiola; podemos mirar para el e admirar a súa beleza e as súas habelencias e seguir paseando coma o neno do microrrelato, ou podemos romper a gaiola”, afirmou.

O terceiro premio foi para Lara Costas Lago, de Redondela, nada en 2004, por ‘Mans de sal’, unha historia de memoria e resistencia arredor do mundo das mariscadoras construída en só 169 palabras.

O xurado da categoría adulta avaliou 425 historias presentadas por persoas maiores de idade. Estivo formado por María López-Sández, Manuel González, o académico de número Víctor F. Freixanes, a filóloga e membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos e a filóloga Inés Sánchez, asesora de ‘Luzes’. Ademais dos tres premios, o xurado escolleu como finalistas ‘Corpo que se afunde no mar’, do vigués Axel Cuíñas, e ‘A sentenza’, de Manuel González Seoane, de Vilagarcía de Arousa, quen xa acadara en 2024 o terceiro premio na categoría adulta.

A memoria, a dor e o acoso escolar, entre os temas da modalidade xuvenil

As dúas categorías destinadas a autoras e autores menores de 18 anos recibiron en conxunto máis de 400 textos. A súa avaliación correspondeu a un xurado integrado polas académicas Fina Casalderrey e María Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; a membro da directiva de PuntoGal Concha Losada; e o xornalista Fernando Mahía, integrante do consello de redacción de ‘Luzes’.

Na modalidade xuvenil, o primeiro premio foi para Iria Iglesias Mouriño, de Santiago de Compostela, nada en 2015 e estudante do IES Antonio Fraguas, polo relato ‘Ensaios para desaparecer’. A autora explicou que escribiu sobre unha dor vinculada á perda da memoria dun ser querido. “Hai dores que apenas se nomean porque custa demasiado miralas de fronte. Eu escribín sobre unha delas: a de converterse nun descoñecido para quen máis amas”, indicou.

O segundo premio xuvenil recaeu en Juan Domínguez de la Torre, nado en Vigo en 2011, veciño de Panxón e alumno de terceiro da ESO do CPI Arquitecto Palacios, polo texto ‘O eco das mareas’. O relato constrúe unha evocación do mundo do mar e da memoria familiar. “O meu avó Antonio foi a miña inspiración”, sinalou o mozo, procedente dunha familia mariñeira. Aínda que non continúe con esa tradición, asegurou que “o mar corre pola miñas veas”.

O terceiro premio foi para Uxía Nogueira Bodega, nada en Vigo en 2012, veciña de Ribadumia e alumna do IES de Meaño, pola obra ‘Unha fenda de luz’, centrada na esperanza fronte ao acoso escolar. “O bullying fainos sentir pequenos. Pero hai pequenos xestos que nos poden facer medrar e saír. Oxalá esta historia sirva para sementar fendas de luz a quen máis o necesite”, expresou.

Na mesma categoría, recolleu o seu diploma como finalista Raquel Pérez López, de Ribadeo, nada en 2009 e alumna de primeiro de bacharelato do IES Dionisio Gamallo, polo texto ‘O reloxo’. Tamén foi recoñecida como finalista Sabela Rodríguez Pérez, de Pontevedra, nada en 2009, veciña de Marín e alumna de primeiro de bacharelato do IES Illa de Tambo, por ‘A nena da estación’, aínda que non puido asistir ao acto.

Un primeiro premio infantil sobre romper a falar galego

Na modalidade infantil, o primeiro premio foi para Smahan Essaidi, nada en Santiago de Compostela en 2015 e alumna do CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso de Noia, polo microrrelato ‘Bo proveito!’. O texto aborda o feito de romper a falar en galego cando as raíces familiares proceden doutro país.

Durante a entrega, Essaidi trasladou a súa “enorme alegría” polo recoñecemento e tivo palabras de agradecemento para a súa familia e para as súas mestras, Carmen Bello e Vanesa Caamaño, que tamén asistiron ao acto. “Para min, escribir é parte da miña vida, é inventar mundos, personaxes e viaxar sen moverme do meu cuarto”, compartiu.

O segundo premio infantil foi para Carla Merino Suárez, nada en Madrid en 2015, veciña de Lalín e alumna do CEIP Xesús Golmar, polo relato ‘O espello’. A premiada agradeceu especialmente o apoio da súa mestra Saila, por animala a participar e ensinarlle “que as palabras teñen poder”. “Prometo seguir escribindo e seguir soñando en galego, porque esta lingua é a miña tamén”, concluíu.

O terceiro premio correspondeu a Laura González Martínez, nada en Vigo en 2015 e alumna de Las Acacias, polo texto ‘Cando o vento borboriñe’. A autora sinalou que o galardón ten para ela unha importancia especial pola súa relación coa lectura e coa escrita. “Para min este premio é moi importante, xa que son unha gran lectora e gústame moito escribir”, afirmou.

Na categoría infantil tamén recolleron os seus diplomas as finalistas Irene Suárez Rodríguez, de Lugo, nada en 2015 e alumna do CEIP das Mercedes, polo relato ‘Cando a escola volva a abrir’; e Alba González Meizoso, de Abegondo, nada en 2014 e estudante do CEIP San Marcos, por ‘A sombra da noite’.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.