Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Ata 400 euros por investigar en galego: a UDC abre unha nova convocatoria de axudas

A Universidade da Coruña (UDC), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL), convocou unha nova liña de axudas destinadas a promover o uso do galego na investigación universitaria. A iniciativa está dirixida ao alumnado de titulacións oficiais que redacte e defenda en lingua galega a súa tese de doutoramento, o traballo de fin de mestrado (TFM) ou o traballo de fin de grao (TFG).

A convocatoria inclúe tanto axudas económicas como asesoramento lingüístico, co obxectivo de facilitar que o galego teña unha maior presenza nos traballos académicos da comunidade universitaria. Segundo recolle o texto da convocatoria, esta medida enmárcase no Plan de normalización lingüística da UDC, aprobado polo Consello de Goberno o 16 de decembro de 2006, que establece como un dos seus obxectivos específicos promover o emprego da lingua galega nos traballos de investigación do estudantado.

As axudas publícanse ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Universidade da Coruña para actuacións en materia de normalización lingüística durante o ano 2026. A convocatoria permanecerá vixente ata o 30 de outubro de 2026, aínda que poderá pechar antes se se esgota o crédito dispoñible.

O importe global destinado a esta liña de apoio ascende a 18.300 euros, que se repartirán por orde de solicitude entre as persoas que cumpran os requisitos, ata o esgotamento dos fondos. A contía máxima dependerá do tipo de traballo presentado: 400 euros para teses de doutoramento, 150 euros para traballos de fin de grao de programas de simultaneidade cando ambos se defendan en galego, e 100 euros para o resto de TFG e TFM.

Cada persoa beneficiaria só poderá recibir unha única axuda económica polo mesmo concepto durante o período de vixencia da convocatoria. Ademais, a axuda será tamén única por cada traballo, polo que, no caso de investigacións de autoría múltiple, a contía repartirase de maneira equitativa entre as persoas beneficiarias.

A convocatoria abrangue os traballos defendidos desde o remate da convocatoria anterior, é dicir, desde o 31 de outubro de 2025. As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude desde o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web do SNL e ata o 30 de outubro de 2026, sempre que non se esgote antes o crédito dispoñible.

As solicitudes deberán dirixirse á Vicerreitoría de Igualdade e Diversidade da UDC e presentarse no modelo oficial que acompaña a convocatoria. Poderán tramitarse a través do Rexistro electrónico da UDC, no caso de dispoñer de certificado dixital, ou de forma presencial no Rexistro xeral da UDC, situado na rúa da Mestranza 9, na Coruña, ou no rexistro auxiliar de Ferrol, no Edificio de Usos Administrativos do campus de Esteiro. Tamén se poderán empregar os medios previstos na Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Ademais da axuda económica, o SNL ofrece apoio lingüístico e terminolóxico a todas as persoas interesadas en redactar e defender en galego a súa tese, TFM ou TFG. Este asesoramento poderá consistir na resolución de dúbidas lingüísticas e terminolóxicas ou na revisión parcial ou total dos traballos.

Unha vez defendido o traballo en lingua galega, o alumnado deberá achegar ao SNL, nun prazo máximo de dous meses desde a defensa, unha copia do documento de identidade, unha declaración da persoa directora do traballo na que conste que a defensa se realizou en galego e un exemplar do traballo en versión electrónica. Para os traballos defendidos desde o 31 de outubro de 2025, o prazo de dous meses contarase desde a publicación desta convocatoria. O mes de agosto considerarase inhábil para estes efectos.

No caso dos TFG de programas de simultaneidade, a documentación deberá presentarse para cada traballo unha vez defendidos ambos, respectando igualmente o prazo de dous meses desde a defensa do segundo.

A convocatoria exclúe o alumnado do grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, do dobre grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios, e Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, e do dobre grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios, e Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios. Tamén queda fóra o alumnado daqueles estudos nos que, pola súa natureza ou contido, se derive o uso da lingua galega nos traballos de investigación.

A concesión da axuda realizarase unha vez comprobado que a persoa solicitante cumpre os requisitos establecidos. A convocatoria recolle tamén que, se con posterioridade se constata a inexactitude ou falsidade da documentación ou dos datos declarados, a axuda será revogada de maneira inmediata, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen corresponder.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.