A pesar dos milleiros de quilómetros que separan Galicia do Xapón, existe unha conexión cultural que leva décadas construíndose. Coa primeira canle en galego, a dobraxe de contidos estranxeiros converteuse nunha ferramenta fundamental para a difusión da lingua, especialmente entre o público máis novo.
Boa parte destes contidos eran animes, series de animación xaponesa que chegaron a varias xeracións de galegos a través da televisión. Para moitos deles, aquel foi o primeiro contacto coa cultura asiática, un interese que, en numerosos casos, se mantivo ata a idade adulta. Esa relación cultural dá agora un novo paso coa creación de Yisus, a primeira editorial dedicada á publicación de manga en galego. O seu debut chega coa edición de Algún Día Volverémonos Ver, unha historia da autora hongkonesa Smalltung.
O manga relata unha historia romántica entre dúas mulleres marcada polos cambios políticos e sociais en Hong Kong a partir de 2019. Trátase tecnicamente dun manhua, termo empregado para designar os cómics chineses. Do mesmo xeito, manga refírese a aqueles de orixe xaponesa e manhwa para os coreanos.
A tiraxe inaugural, publicada no mes de abril, contou con cen exemplares. A editorial anunciou unha reedición definitiva para o vindeiro 11 de xuño, que servirá para corrixir pequenas erratas, incorporar o número ISBN e engadir ilustracións extras da autora.