Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A exposición ‘A lingua do futuro. O futuro da lingua’ chega a Sarria cunha reflexión visual sobre o uso do galego

A explanada da piscina cuberta municipal de Sarria acolle desde esta semana a exposición fotográfica A lingua do futuro. O futuro da lingua, unha mostra da fotógrafa e mestra Alba Díaz composta por unha vintena de retratos en branco e negro que convida a reflexionar sobre o presente e o futuro do idioma galego nun contexto de perda progresiva de falantes.

A proposta céntrase en nenos, nenas e adolescentes pertencentes a xeracións que medran nun escenario de deterioro lingüístico, pero que continúan empregando maioritariamente o galego como lingua materna. A través de retratos en primeiro plano, as persoas protagonistas dirixen a mirada ao espectador mentres as imaxes incorporan elementos simbólicos relacionados coa cultura galega e co idioma.

Entre eses elementos aparecen referencias a cantantes, músicas e escritoras e escritores recoñecidos polo seu uso do galego, así como palabras vinculadas aos afectos, á flora, á fauna ou aos fenómenos atmosféricos. O proxecto pretende abrir un espazo de reflexión sobre a relación das novas xeracións coa lingua propia.

Na inauguración da exposición participaron a autora e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, ademais dos concelleiros de Cultura, César No, e Educación, Geni Valcárcel, e da edil do BNG Mónica López.

Durante o acto, Castro subliñou a importancia de “interpelar ás xeracións máis novas para frear a perda de falantes” e destacou que “lanzar esta mensaxe desde a rúa, en espazos informais e de socialización, como fai esta exposición, é unha oportunidade para conectar con esas novas xeracións”.

A mostra está promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e pola Rede Museística Provincial de Lugo e permanecerá aberta ao público durante un mes na explanada da piscina cuberta municipal de Sarria.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.