Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

FEIRACO homenaxea a Begoña Caamaño no Día das Letras Galegas cun concurso literario centrado nas mulleres

FEIRACO volverá conmemorar o Día das Letras Galegas cunha nova edición do seu Certame de Microrrelatos, que neste 2026 alcanza a súa décimo cuarta convocatoria poñendo o foco na figura de Begoña Caamaño e no universo literario e ideolóxico que marcou a súa traxectoria. Baixo o lema ‘Vai de mulleres’, a cooperativa galega propón nesta ocasión un exercicio creativo que reivindica o protagonismo feminino e a creación literaria en galego a través de historias ambientadas en Galicia.

A iniciativa busca render tributo á autora de ‘Circe ou o pracer do azul’ e ‘Morgana en Esmelle’, dúas obras nas que Caamaño reinterpretou mitos clásicos dende unha perspectiva feminista, ofrecendo novas lecturas de figuras como Circe, Penélope ou Morgana. Dende FEIRACO destacan así o impacto dunha autora que fixo da literatura e do xornalismo ferramentas para repensar o papel das mulleres e ampliar a súa presenza no relato cultural galego.

O certame convida ás persoas participantes a redactar un microrrelato de ata 500 palabras cunha historia situada en Galicia e protagonizada por mulleres. Os textos serán avaliados segundo tres criterios: a orixinalidade, que suporá a metade da puntuación total; a calidade da redacción; e o uso correcto da lingua galega.

O prazo de participación abrirase o 13 de abril e permanecerá activo ata o 17 de maio, coincidindo co propio Día das Letras Galegas. A convocatoria estrutúrase en dúas modalidades: unha categoría xuvenil, destinada ao alumnado de ESO e bacharelato, e unha categoría de adultos.

No apartado xuvenil, cada centro educativo deberá seleccionar previamente o mellor relato de cada curso antes de remitilo a través da web de FEIRACO, mentres que na categoría de adultos serán os propios autores e autoras quen presenten directamente as súas propostas en formato PDF mediante a mesma plataforma dixital.

Os premios inclúen lotes culturais e produtos da marca, cun primeiro galardón composto por unha lámina ilustrada, catro libros e diversos agasallos; un segundo premio con dous libros; e un terceiro con un libro, ademais de lotes de produtos FEIRACO e material promocional en todos os casos.

Con máis dunha década de percorrido, o Certame de Microrrelatos consolidouse como unha das accións culturais coas que FEIRACO reforza o seu vínculo coa lingua e coa identidade galega, integrando literatura, promoción do galego e compromiso social. Nesta edición, a elección de Begoña Caamaño como referencia sitúa no centro unha figura clave da cultura contemporánea galega, tanto pola súa produción literaria como pola súa implicación no activismo feminista e na defensa da igualdade.

Xornalista, escritora e activista, Caamaño foi tamén impulsora de MUGACOM e participou en múltiples iniciativas vinculadas á defensa dos dereitos das mulleres e á crítica da súa representación nos medios de comunicación. A súa obra e o seu pensamento continúan a ser unha referencia para novas xeracións de lectoras e creadoras.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.