A conta galega de meteoroloxía e fotografía RedMeteo, coñecida pola súa actividade en galego na rede social X, publicou unha reflexión sobre o uso da lingua propia tras recibir comentarios doutro usuario que lle recomendaba escribir en castelán ante a falta de tradución automática para o galego na plataforma.

A polémica xurdiu despois de que outro perfil sinalase que “X no tiene traducción para el gallego”, ao que RedMeteo respondeu cun escueto “E que lle vou facer eu?”. Posteriormente, a mesma persoa insistiu con que a solución era “Escribirlo en español, así de sencillo”, recibindo como resposta un contundente “Non quero”.
A raíz dese intercambio, RedMeteo ampliou publicamente a súa postura cunha mensaxe na que defendeu o uso do galego como decisión persoal e identitaria. “Non me quero comunicar con toda persoa que hai no mundo, quérome comunicar coa miña xente, por iso escribo en galego, aparte de porque é a miña lingua, a que uso, a que temos que coidad, e obviamente porque quero”, sinalou.
Na mesma publicación, a conta insistiu en que cada persoa pode expresarse na lingua que considere, pero rexeitou imposicións externas sobre como debe facelo: “Cada un que fale o que queira, pero que non lle diga ao resto como o ten que facer”.
A mensaxe encaixa nun contexto recorrente nas redes sociais, onde usuarios galegofalantes denuncian con frecuencia presións ou cuestionamentos polo uso do galego en espazos dixitais dominados por outras linguas. O caso volveu poñer sobre a mesa o debate sobre a presenza e normalización do galego nas plataformas globais, así como a defensa da lingua como ferramenta de comunicación, identidade e comunidade.