A serie galega ‘Pensión incompleta’ foi recoñecida co Premio á Diversidade Lingüística do Estado Español, un galardón que distingue iniciativas a prol da promoción e defensa das linguas oficiais. A decisión foi adoptada na comisión de seguimento do protocolo de colaboración en materia de política lingüística, celebrada este ano en Bilbao e na que participan os gobernos de Galicia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Valencia e Illas Baleares.
O encontro contou coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen destacou o carácter pioneiro da produción, ao tratarse da primeira serie rodada nas catro linguas oficiais do Estado. “Trátase dun proxecto pioneiro que leva selo galego e no que colaboramos directamente desde o Goberno autonómico cunha axuda á produción de 240.000 euros”, sinalou.
A serie é froito da colaboración entre EITB, TVG, 3CAT e Voz Audiovisual, un modelo de coprodución que, segundo explicou o representante da Xunta, permite desenvolver contidos que reflicten a diversidade lingüística e cultural dos distintos territorios. Neste sentido, García subliñou que o recoñecemento “pon en valor a fórmula de colaboración entre televisións autonómicas para levar a cabo unha produción audiovisual que, a través dunha estrutura narrativa compartida, retrata a riqueza cultural, lingüística e natural dos diferentes territorios”.
O Premio á Diversidade Lingüística do Estado Español ten como obxectivo distinguir o labor de persoas, entidades ou empresas no ámbito da promoción das linguas oficiais. Na súa anterior edición, celebrada en 2020, o galardón recaeu tamén nun proxecto galego, o disco ‘Immersión’ da artista Guadi Galego, que incluía cancións en sete linguas peninsulares.
Durante a xuntanza en Bilbao, os representantes institucionais tamén abordaron outros asuntos relacionados coa política lingüística. Entre eles, destacou o seguimento das medidas orientadas á promoción das linguas nos ámbitos non formais, especialmente entre a mocidade. Segundo indicou Valentín García, o Goberno galego está a desenvolver distintas iniciativas neste eido ao abeiro do Pacto pola Lingua.
Ademais, analizouse a evolución do novo Consejo de las Lenguas Oficiales, constituído en Donostia o pasado mes de novembro. Este órgano estatal incorpora como membros de pleno dereito ás comunidades con lingua propia e substitúe ao anterior modelo de coordinación. Os representantes coincidiron en sinalar como prioridade que os programas e iniciativas de nova implementación teñan en conta a realidade plurilingüe do Estado, así como a necesidade de reforzar a protección e promoción do uso das linguas oficiais.