A Real Academia Galega (RAG) vén de estrear o documental Begoña Caamaño Caamaño: navegar no pracer do azul, unha produción realizada con motivo da celebración das Letras Galegas 2026, dedicadas á escritora e xornalista viguesa. A peza audiovisual, dirixida e guionizada por Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez, propón un percorrido pola vida e o legado da autora a través de testemuños persoais e dunha aproximación artística á súa obra.
O filme reconstrúe a traxectoria de Begoña Caamaño (1964-2014) desde a súa infancia en Vigo ata a súa consolidación profesional en Santiago de Compostela. A narración conecta ambas cidades, facendo fincapé nos espazos vitais que marcaron o seu desenvolvemento persoal e profesional, desde os barrios do Calvario e Coia ata a súa incorporación á Radio Galega en 1989. Foi nesta etapa compostelá onde publicou as súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), obras que a situaron como unha das voces singulares da narrativa galega contemporánea.
A produción incorpora as voces de persoas próximas á autora, entre elas a súa irmá Beatriz Caamaño, así como amizades e compañeiras como Maika Aguado ou Amanda Álvarez. Tamén participan figuras do ámbito cultural e académico como Ana Romaní, Víctor F. Freixanes ou María Xesús Nogueira, que achegan diferentes perspectivas sobre a súa obra e a súa traxectoria. A dimensión literaria complétase coa análise do seu diálogo cos mitos clásicos desde unha reinterpretación feminista, un dos trazos centrais da súa escrita.
O documental inclúe ademais a participación de alumnado de distintos centros educativos, como o IES Castelao e o IES Alexandre Bóveda de Vigo, así como da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, co obxectivo de incorporar a ollada da mocidade sobre os temas que atravesan a obra de Caamaño. A peza ábrese cun obradoiro de radio escolar no CEIP Monte dos Postes de Santiago, impartido por antigas compañeiras e compañeiros da autora na Radio Galega.
No plano formal, a obra aposta pola combinación de linguaxes audiovisuais. Así, inclúe fragmentos dramatizados das súas novelas, interpretados por alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en escenarios naturais como a praia de Barra, a fraga de Catasós ou a serra do Candán. A través destas secuencias, as personaxes literarias cobran presenza na pantalla, mentres que a bailarina Elsa Pereira encarna a Morgana nunha das pasaxes que integra tamén a voz da propia autora procedente de arquivos sonoros.
A recreación da infancia de Begoña Caamaño complétase coa participación de dúas nenas actrices, nunha secuencia ambientada na praia do Tombo do Gato, que recupera a memoria da súa relación coa natureza e co proceso creativo. O barrio compostelán de San Pedro, onde residiu, tamén forma parte do relato, a través de encontros e lembranzas compartidas no restaurante O Dezaseis.
Segundo explican os directores, “todos estes elementos conflúen nunha obra que reafirma o noso compromiso cunha forma de crear e comunicar honesta, crítica e conectada co presente”. Engaden que o documental busca “activar unha reflexión sobre os modos de narrármonos como sociedade”, combinando o rexistro xornalístico coa creación audiovisual.
A produción contou co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, ademais da colaboración de arquivos e proxectos documentais. En paralelo, a RAG continúa a desenvolver novas iniciativas arredor da figura da autora, como a serie de vídeos É o tempo de Begoña Caamaño e o videopódcast Colchas de voces, centrado no seu legado.
O presidente da institución, Henrique Monteagudo, subliña que este proxecto forma parte dunha liña de traballo que aposta polo audiovisual como ferramenta de divulgación. “Buscamos achegar as figuras das Letras Galegas a públicos amplos, especialmente ao máis novo”, sinala.
A primeira presentación pública do documental terá lugar no IES Alexandre Bóveda de Vigo, coincidindo co 50 aniversario do centro onde estudou a autora. O acto incluirá un coloquio no que participarán persoas próximas a Begoña Caamaño, así como profesorado e antigas compañeiras, nun encontro que servirá tamén como espazo de memoria e reflexión sobre a súa figura.
Compartir:
- Fai clic para compartir en X (Se abre en una ventana nueva) X
- Feixe clic para compartir en Facebook (Se abre en una ventana nueva) Facebook
- Feixe clic para compartir en Telegram (Se abre en una ventana nueva) Telegram
- Feixe clic para compartir en WhatsApp (Se abre en una ventana nueva) WhatsApp
- Fai clic para compartir en Mastodon (Se abre en una ventana nueva) Mastodon