O Ministerio de Cultura vén de convocar unha nova liña de subvencións dirixida ao fomento da tradución de libros entre linguas do Estado español, co obxectivo de favorecer a circulación de obras e a súa posterior publicación por parte das editoriais beneficiarias. A convocatoria conta cun orzamento total de 200.000 euros, segundo recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE).
Estas axudas están destinadas a apoiar a tradución de obras que xa estean previamente publicadas en calquera das linguas oficiais de España, así como noutras linguas que conten con recoñecemento xurídico nos estatutos de autonomía das distintas comunidades. Ademais, establécese como requisito que os textos sexan de autores españois.
Segundo especifica a convocatoria, o importe concedido deberá empregarse exclusivamente para cubrir os gastos derivados da tradución da obra presentada. Neste sentido, as subvencións son compatibles con outras axudas públicas ou privadas, sempre que o conxunto das achegas non supere o 100% do custo total da tradución.