A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) celebrou este luns en Santiago de Compostela un obradoiro formativo centrado no uso do Fediverso como alternativa ás redes sociais tradicionais. A actividade, titulada ‘Medios locais no Fediverso: por unhas redes sociais máis sanas’, estivo impartida polo experto en comunicación dixital Joxe Rojas e reuniu a profesionais do sector interesados en coñecer novas ferramentas para a comunicación en liña.
Durante a sesión, as persoas participantes tiveron a oportunidade de achegarse ao funcionamento destas redes descentralizadas e de crear os seus propios perfís en Mastodon, iniciando así un proceso orientado a acadar unha maior autonomía dixital. O obxectivo, segundo se expuxo no encontro, é avanzar cara modelos comunicativos máis éticos, sostibles e respectuosos coa lingua e coa comunidade.
O obradoiro contou tamén coa intervención de Rafael Alcalde, administrador de Mastodon.gal, quen compartiu a súa experiencia na posta en marcha e dinamización desta comunidade dixital en galego. Alcalde salientou o potencial do Fediverso para reforzar a presenza da lingua galega no ámbito dixital, nun contexto no que as grandes plataformas condicionan a visibilidade dos contidos.
Desde AMEGA valoran a iniciativa como un primeiro paso para transformar o ecosistema mediático galego. A asociación sinala que este tipo de accións permiten “poñer a primeira pedra para unha comunicación máis sana e en galego”, ao tempo que apostan por construír unha rede máis colaborativa e menos dependente das dinámicas das plataformas comerciais. Neste sentido, animan aos medios en galego a incorporarse a este espazo común e a participar na creación dunha comunidade propia.
A actividade enmárcase nun proxecto máis amplo presentado por AMEGA á Deputación da Coruña, orientado ao fortalecemento dos medios en galego e á súa adaptación ao novo contexto dixital. Ademais, contou coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que cedeu as instalacións do edificio CERSIA para a realización do obradoiro.