Berta Vidal, natural de Cataluña e residente na Mariña lucense dende hai algo máis de dous anos, iniciou recentemente o proceso de aprender e falar galego de maneira activa. Chegou a Galicia en outubro de 2023 e instalouse primeiro en Barreiros e posteriormente en Foz, onde vive na actualidade. Dende a súa experiencia como educadora social e como persoa procedente dun territorio con lingua propia, considera que coñecer o idioma do lugar onde se vive é unha cuestión de integración e respecto pola cultura local.
Berta explica que, procedendo de Cataluña, onde o catalán forma parte da vida diaria, sempre lle pareceu importante aprender a lingua do territorio no que reside. “Temos un idioma propio e para min é importante coñecer o idioma do lugar onde estou”, sinala. Polo momento, recoñece que o galego non lle resulta imprescindible para o seu traballo, aínda que considera que pode ser útil no futuro profesional, especialmente en ámbitos como o social ou a administración pública, onde ás veces se solicita a acreditación do Celga.
Con ese obxectivo, decidiu prepararse para obter algún destes certificados. Afirma que actualmente está nun momento no que practica máis a lingua e que pretende presentarse ao exame nos próximos meses, aínda que recoñece que aínda se escoita “con moitos erros” cando fala galego.
Un dos factores que máis influíron no seu proceso foi o contexto laboral. Durante aproximadamente ano e medio traballou nun centro educativo en Mondoñedo, onde a maioría do persoal empregaba o galego de forma habitual. Segundo explica, esa situación facilitoulle moito a comprensión da lingua.
“Tiven moita sorte de estar nun traballo onde todo o mundo falaba galego todo o rato e todo o que tiña que ler estaba en galego”, relata. Esa exposición constante permitiulle familiarizarse co idioma mesmo antes de comezar a falalo activamente.
Na súa opinión, a realidade lingüística da Mariña lucense é relativamente favorable ao uso do galego. Mentres outras persoas comentan que escoitan pouco a lingua, Berta asegura que na súa contorna habitual si percibe unha presenza significativa, tanto no traballo como en espazos públicos ou comercios.
A aprendizaxe non estivo exenta de dificultades. Berta lembra que, ao principio, a variedade de acentos e formas dialectais do galego resultoulle complexa, xa que nas clases coincidían persoas de diferentes zonas do país.
Explica que escoitaba falar galego con pronunciacións e vocabulario distintos segundo a procedencia: dende a Costa da Morte ata Vilalba ou Abadín. Esa diversidade fixo que durante as primeiras semanas lle custase seguir algunhas conversas.
Con todo, asegura que a adaptación foi rápida. Segundo conta, ao cabo dun mes xa entendía a maior parte do que se dicía ao seu redor, aínda que ás veces se perdía nalgunhas palabras ou expresións.
Durante moito tempo, Berta comprendía a lingua e podía ler en galego sen dificultade, pero non a utilizaba activamente nas conversacións. Ese foi o motivo principal polo que decidiu inscribirse nun curso de neofalantes: adquirir soltura á hora de falar.
Na actualidade, explica que as únicas persoas que a escoitan falar galego con regularidade son os compañeiros do curso e a súa parella. Co resto do seu entorno social aínda utiliza principalmente o castelán, en parte porque recoñece que se nota que non é galega e que a súa expresión aínda non é completamente fluída.
Outro dos aspectos que lle chama a atención é a diferenza entre o galego coloquial que escoita na rúa e a normativa que se esixe nos exames oficiais.
Segundo comenta, ao aprender a lingua principalmente pola exposición oral, adoita empregar expresións que escoitou con frecuencia pero que non sempre coinciden coa forma normativa. Exemplos como “naide” ou outras variantes populares son habituais no uso diario, pero non se consideran correctos nun exame.
Por iso, sinala que agora está comezando a estudar tamén aspectos gramaticais, algo que antes apenas fixera. “Moitas veces digo as cousas así porque as escoitei, pero non sei por que son así”, explica.
A experiencia de Berta tamén lle permite comparar a situación do galego coa do catalán. Segundo a súa visión, en Cataluña existe unha maior oferta de cursos e recursos públicos para aprender a lingua, especialmente para persoas que chegan de fóra.
Afirma que, mentres buscaba formación en galego, atopou poucas opcións gratuítas e tivo que recorrer a iniciativas puntuais ou a cursos organizados por persoas voluntarias. Nese sentido, considera que sería útil ampliar as oportunidades de formación lingüística para facilitar a integración de novos residentes.
A partir da súa propia experiencia, Berta insiste en que o máis importante para aprender unha lingua é estar rodeado de persoas que a falen de maneira habitual. Sen ese contexto, considera difícil adquirir soltura.
“Se non estás nun ambiente onde se fale galego, é moi difícil pedirlles ás persoas que cambien de lingua para falar contigo”, afirma.
Por iso, anima a quen chega a Galicia a ter paciencia e aproveitar as oportunidades que xurdan para escoitar e practicar o idioma. Para ela, aprender galego non é só unha cuestión práctica, senón tamén cultural: “é unha forma de conservar a cultura e a identidade do lugar”.
Compartir:
- Fai clic para compartir en X (Se abre en una ventana nueva) X
- Feixe clic para compartir en Facebook (Se abre en una ventana nueva) Facebook
- Feixe clic para compartir en Telegram (Se abre en una ventana nueva) Telegram
- Feixe clic para compartir en WhatsApp (Se abre en una ventana nueva) WhatsApp
- Fai clic para compartir en Mastodon (Se abre en una ventana nueva) Mastodon