Lucas preséntase como músico, acordeonista e saxofonista, natural de Redondela, e define con sinxeleza o seu perfil persoal. Mais hai un proceso de fondo que mudou a súa relación coa lingua propia do país. Hoxe identifícase como neofalante, algo que asimiu logo dunha etapa vital fóra de Galicia.
O punto de inflexión produciuse cando marchou a vivir a Granada. Foi a primeira vez que residiu fóra e, segundo relata, esa distancia activou unha reflexión inesperada. Comezou a botar de menos non só a lingua, senón tamén o conxunto da cultura e do que identificaba como propio. Nese momento formulouse unha pregunta que resultou determinante: estaba a estrañar algo que, en realidade, non estaba a empregar no seu día a día. “Estás botando de menos a lingua, pero non a falas”, lembra ter pensado. A partir desa constatación decidiu comezar a falar galego de maneira habitual.
A súa experiencia previa en Redondela fora distinta. Explica que, na súa etapa escolar, a maior parte da súa contorna empregaba o castelán. Mesmo sinala que aqueles poucos rapaces que chegaban ao colexio falando galego acababan por mudar ao castelán con rapidez, influídos tanto polo uso maioritario entre o profesorado como entre o alumnado. Na súa xeración, di, predominaba o castelán como lingua habitual, aínda que o galego seguía presente na contorna social. Esa realidade fixo que o seu propio proceso de cambio chegase máis tarde.
A decisión de falar galego non estivo exenta de pequenas dificultades iniciais. Lucas recoñece que, no plano práctico, supuxo acostumarse a empregar con naturalidade unha lingua que non utilizara de maneira cotiá ata entón. Menciona, por exemplo, as dúbidas cos pronomes ou a necesidade de gañar fluidez. Tamén lembra comentarios de sorpresa por parte doutras persoas, como “Ai, pero antes non falabas galego?”, reaccións que lle chamaron a atención ao producirse en Galicia. Con todo, considera que esas dificultades “pagan a pena afrontalas” e afirma que non se arrepinte da decisión tomada.
Entre os aspectos que máis valora do seu cambio está o efecto que observa nas interaccións diarias. Describe como, ao entrar nun establecemento e iniciar a conversa en galego, en ocasións a outra persoa acaba por mudar tamén ao galego de maneira natural. Ese tránsito espontáneo na lingua da conversa parécelle “moi bonito” e interprétao como un pequeno avance cara á normalización, ao permitir que máis persoas empreguen o galego con normalidade.
No ámbito profesional, ligado á música, sinala que o galego está presente no seu contorno inmediato. Nos grupos nos que participa, así como entre as persoas coas que traballa, existe un uso habitual da lingua, algo que asegura agradecer, especialmente tendo en conta o número de horas compartidas en ensaios e actuacións.
Lucas tamén pon en valor a existencia de contidos culturais en galego, tanto na música como no cinema, no teatro ou nas redes sociais. Considera relevante que haxa creadoras e creadores que opten por producir en galego, xa que iso facilita que quen decide facer a súa vida na lingua propia poida acceder a referentes culturais na mesma lingua. A existencia de películas dobradas ao galego, propostas musicais ou contido dixital contribúe, ao seu xuízo, a vivir “con plenitude” en galego.
Ao dirixirse a persoas que poidan estar nunha situación semellante á que el viviu, anima a dar o paso. Recomenda afrontar as pequenas dificultades iniciais e buscar un contorno de apoio, no que se acompañe o proceso con comprensión e corrección desde a amabilidade. Para el, o tránsito cara ao galego foi unha decisión da que se declara “moi contento” e que asume como parte da súa identidade actual como neofalante.